Coolpad Torino S, unha gran opción por apenas 200 euros

Multiplícanse as opcións para facérmonos cun dispositivo Android de calidade por menos de 200 euros. Á multitude de opcións existentes no mercado súmase Coolpad Torino S, o novo trebello de Coolpad, que xa se pode mercar no noso país nas tendas Media Markt por 199 euros.

O Coolpad Torino S incorpora unha pantalla LCD IPS de 4,7 polgadas con calidade HD 720 x 1280 píxeles (312 píxeles por polgadas). No seu interior alberga un procesador Qualcomm Snapdragon 410, de 4 núcleos a 1,2 GHz, GPU Adreno 306, 2 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria interna ampliábeis mediante tarxetas microSD.

coolpad torino s - 1

A cámara principal é de 8 megapíxeles e a frontal de 5 megapíxeles, a súa batería de 1800 mAh e, como a práctica totalidade dos smartphones chineses, o Torino S vén con espazo para dúas tarxetas SIM. Así mesmo ten lector de pegadas dixitais, situado na parte posterior do dispositivo, unha funcionalidade que se está a converter en básica para moitas usuarias.

Trátase en suma dun terminal moi ben deseñado, con aristas suavizadas e mesmo unha pantalla certamente redondeada co efecto 2.5D, que está a ser tamén unha característica case universal. Ademais, vén moi ben equipado para o seu prezo, cun hardware acaído e e elementos que van máis aló do básico, caso do sensor de infravermellos e, por suposto, do lector de pegadas.

coolpad torino s - 2

En canto a sistema operativo, o Coolpad Torino S vén con Android 5.1 Lollipop e a interface de personalizaación propia COOLUI, na súa versión 8.0. Pódese mercar por 199 € en tendas Media Markt.

Deixa un Comentario