Moto G4 e Moto G4 Plus, os novos móbiles de Motorola by Lenovo

Motorola vén de lanzar a edición 2016 dun dos seus móbiles máis representativos, o Moto G, que desde a primeira versión coa compañía en mans de Google conseguiu convencer a moitas. Hoxe, con Motorola dentro da estrutura de Lenovo, vimos de coñecer os novos Moto G4 e Moto G4 Plus, dúas versións deste trebello que aspira a seguir colleitando boas cifras de venda.

Moto G4

O Moto G4 incorpora unha pantalla de 5,5 polgadas con resolución Full HD (1080 x 1920 píxeles, 401 píxeles por polgadas) e protexido con Corning Gorilla Glass 3. No seu interior alberga un procesador Qualcomm Snapdragon 617, de oito núcelos a 1,5 GHz, GPU Adreno 405, 2 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria interna ampliábeis mediante tarxetas microSD de até 128 GB.

No apartado fotográfico atopámonos cunha cámara principal de 13 megapíxeles e unha frontal de 5 megapíxeles. A súa batería é de 3000 mAh e vén con capacidades dual SIM, o que nos permite empregar dúas tarxetas SIM ao mesmo tempo, así como compatibilidade de serie coas redes LTE – 4G.

Moto G4 Plus

A diferenza de anos anteriores, o Moto G4 chega cunha verisión máis avanzada ou Plus, que mellora algunha que outra característica da versión estándar, aínda que mantendo a pantalla e o procesador.

moto g4 plus

As principais diferenzas entre as versións atopámolas en que o Moto G4 Plus mellora nestes aspectos:

  • Estará dispoñíbel en dúas versións, atendendo ás memorias RAM e interna: unha versión de 2 GB / 16 GB e outra de 3 GB/ 32 GB, aínda que mantendo a posibilidade de expansión mediante microSD de até 128 GB.
  • A cámara principal pasa a ser de 16 megapíxeles con autoenfoque láser e apertura f/2.0
  • Ten soporte para microSIM.
  • A batería, de 3000 mAh, vén con TurboCharging, capaz de outorgarlle seis horas de autonomía con apenas 15 minutos de carga
  • Leva lector de pegadas dixitais, situado na parte baixa frontal. Segundo asegura Lenovo é capaz de recoñecer a pegada en menos de 750 milisegundos.

En canto ao sistema operativo, ambos os dous veñen con Android 6.0.1 Marshmallow con Motorola Pure. Mantense unha versión practicamente limpa, pensando no parecido coas gamas Nexus de Google, aínda que incluíndo algunha que outra funcionalidade a maiores.

Sobre dispoñibilidade e prezos, a versión estándar custará 229 euros e a Plus 269 €. En ambos casos chegarán na versión de 2 + 16 GB, en branco ou negro, durante o mes de xuño. O G4 venderase nos principais retailers e o Moto G4 Plus durante un tempo en exclusiva a través de Amazon.

Sobre o autor

No Responses

Reply