Allo e Duo, as novas apps de mensaxería de Google

En Google seguen traballando na aplicación definitiva de mensaxería. O gran cambio histórico vivímolo co lanzamento hai xa tempo de Hangouts, que integra chat e vídeo con multitude de funcionalidades extra. Porén, hoxe dan un paso máis aló anunciando Allo e Duo, dúas novas aplicacións de mensaxería que, a diferenza de todo o anterior, estarán vencelladas ao número de teléfono e non ao enderezo de correo.

Allo é a aplicación para os chats. Cunha interface limpa e novidosa coa estética de Google, admite stickers, emojis e opcións avanzadas para as fotos, como as anotacións sobre as mesmas. Porén, na integración de Google Assistant é onde atopamos unha das maiores diferenzas co resto da competencia.

allo google

Mixturar Allo e Assistant permite ás usuarias partillar información extra (por exemplo datos de establecementos) ou facer buscas in-app. Así mesmo, tamén ten unha parte de intelixencia para axilizar as respostas, de tal maneira que se por exemplo nos envían fotos dun canciño é capaz de identificalo e daranos opcións como “que bonito é!” ou similar.

allo

No aspecto da seguridade Google fixo especial fincapé na posibilidade de establecer caducidade a conversas, o cifrado E2E e as notificacións privadas nos chat de incógnito, que xa existen noutras aplicacións de mensaxería no mercado.

Por outra banda, Duo é unha aplicación para as videochamadas da que non deron moita información, máis aló de dicir que está baseado nos estándares WebRTC e Quic e que funciona adaptándose a diferentes velocidades de rede para ofrecer sempre unha velocidade óptima.

google duo - 1

Duo ten unha funcionalidade chamada Knock Knock que amosa o vídeo da persoa chamante antes de ter que coller, algo ao que lle deron moita importancia desde o punto de vista sentimental para que as usuarias poidamos disfrutar xa non só das videochamadas como tal, senón de “momentos”, tal e como se poden ver no vídeo seguinte.

Tanto Allo como Duo chegarán a Android e a iOS no verán. Que vos parecen?

[Actualización]: Google habilita o pre-rexistro na Play Store para Allo e Duo.

Sobre o autor

No Responses

Reply