Sony anuncia o Sony Xperia XA Ultra

Sony vén de anunciar o lanzamento dun novo terminal, o Sony Xperia XA Ultra. Pertencente á nova familia Xperia X, o dispositivo leva unha pantalla de gran tamaño e diversas funcionalidades orientadas a ter unha boa experiencia selfie.

O trebello conta cunha pantalla curva de 6 polgadas, con calidade Full HD (367 píxeles por polgada), sen bordes e recuberta de metal que se adapta á man, pensando en poder ser usado cunha única man. No seu interior leva o procesador MediaTek MT6755 de 8 núcleos, xunto 3 GB de memoria RAM e 16 GB de almacenaxe interna, que poden ser ampliados mediante tarxetas microSD de até 200 GB.

sony xperia xa ultra - 2

A batería, de 3000 mAh, semella un tanto xusta para o tamaño do dispositivo, aínda que desde o fabricante aseguran que pode conseguir 2 días de autonomía. Co seu cargador rápido Quick Charger UCH-12 (que se vende á parte) pódense conseguir 5,5 horas extra con tan só 10 minutos de carga.

No que a autofotos se refire, o XA Ultra incorpora unha cámara frontal de 16 megapíxeles con flash LED propio e unha serie de sensores especiais para sacar mellores imaxes en condicións de baixa luminosidade. Ademais tamén ten un estabilizador de imaxe que contrarresta as posíbeis vibracións da man ao realizar as fotografías e unha aplicación de recoñecemento que detecta o alzamento da man para comezar unha conta atrás e realizar a foto.

sony xperia xa ultra - 1

Pola súa banda, a cámara principal é de 21,5 megapíxeles e incorpora autofocus híbrido e a posibilidade de sacar unha fotografía nunha fracción de segundo grazas ao botón adicado situado no lateral inferior do smartphone.

Aínda que de momento non sabemos o seu prezo oficial que terá no noso país, o que si está confirmado é que o novo Sony Xperia XA Ultra estará dispoñíbel no mes de xullo en negro, branco e lima dourado.

Sobre o autor

Reply