Samsung Pay Mini, a app de Samsung para que todas poidamos pagar online

Levamos moito tempo falando de Samsung Pay, o servizo de pagamentos móbiles de Samsung, que tras moitos atrasos chegará ao noso país o próximo 2 de xuño en colaboración con varios bancos, entre eles Abanca. Porén, este servizo exclusivo para as usuarias dos principais terminais da compañía surcoreana semella que terá unha versión alternativa, Samsung Pay Mini, orientada a calquera usuaria de Android 6.0 ou superior e tamén de iOS 8.0, o sistema operativo de Apple.

O proceso de configuración desta aplicación sería semellante ao de outros sistemas de pagos móbiles, consistindo en almacenar as tarxetas bancarias que quixésemos empregar  para estármonos preparadas para facer os pagos, dado que segundo parece esta versión “mini” non tería opción, polo de agora, de introducir as tarxetas de fidelización. A identificación será a través de sensores biométricos (pegada dixital ou lector de iris), así como unha chave numérica de até 6 díxitos, que funcionaría a modo de PIN.

Unha curiosidade é que Samsung Pay Mini non se empregaría para facer os pagos móbiles contactless nas tendas, senón que estaría orientado aos pagos web ou tendas online, polo que parece unha competencia a servizos tipo PayPal, especializados neste tipo de transaccións. É por iso que tamén están a traballar nunha versión para Mac e PC con Windows 10.

Polo de agora esta información non é oficial, aínda que todo apunta a que será no próximo mes de xuño cando Samsung anuncie esta novidade que podería revolucionar os pagos online. Que vos parece?

Sobre o autor

Reply