blablablapp, a app para chamar a máis de 200 países

Chamar ao extranxeiro non sempre é económico, de aí que existan unha serie de operadores móbiles virtuais (OMVs) especializados neste tipo de chamadas. Para competir con eles Orange vén de lanzar blablablapp, unha aplicación para Android e iOS que funciona con calquera operador (non hai que ser cliente de Orange) e permite chamar aos fixos e móbiles de máis de 200 países dun xeito económico.

Utilizar blablablapp é tan sinxelo como descargar a aplicación desde a Play Store e introducir o noso número de teléfono. A propia app encargarase de buscar entre os nosos contactos aqueles números extranxeiros e, tras recargar certo saldo, comezar a chamar.

Tan só por descargar a aplicación recibiremos 1 euro gratis de saldo, aos que poderemos sumar outros 2 euros se convidamos a outras usuarias a facer a descarga mediante recomendación. En función do saldo que teñamos amósanos en todo momento os minutos que podemos falar cun determinado destino en base ás tarifas vixentes.

Para recargar saldo podemos empregar a propia aplicación ou a web, empregando unha tarxeta de crédito / débito, a nosa conta de PayPal ou PaySafeCard, aínda que nas próximas semanas tamén se poderá facer a través de puntos de carga.

Máis información e tarifas na web de blablablapp.

Deixa un Comentario