Swarm estrea premios na vida real grazas aos nosos checkins

A meirande parte das persoas que empregamos Foursquare coincidimos en que a aplicación matouse a si mesma cando lanzaron Swarm, só para facer checkins. Nese momento moitas optaron por eliminar Foursquare dos seus trebellos, perdendo así o acceso ás listaxes de lugares e información de interese construída entre todas para quedar unicamente coa nova app, que simplemente permite facer os checkins.

Desde entón Swarm recibiu varias actualizacións, algunha delas para reincorporar funcionalidades de Foursquare, pero en calquera caso moi lonxe de ter a experiencia que había en Foursquare. Hoxe recibimos unha nova versión que trae como principal novidade as Swarm Challenges, co obxectivo de non seguir o rumbo da sangría de usuarias que a deixan de usar.

Estes retos permitirán gañar premios “reais”, que premios poden incluír viaxes, entradas de concertos e outros espectáculos e beneficios semellantes. As usuarias que queiran optar a eles deberán seguir as indicacións dos Challenges (retos) que se lles propoñan a través de notificacións na aplicación, que consisitirán en checkinear en certo tipo de sitios para, de facelo, entrar directamente no concurso.

Conseguirán con isto recuperar o interese das usuarias? Nós pensamos que non, pero por intentalo que non quede. Polo de agora Swarm Challenges está dispoñíbel unicamente nos Estados Unidos, e non hai información sobre o seu posíbel despregamento noutras zonas.

Deixa un Comentario