Wolder pon á venda a Millennial, con 6 polgadas formato 4:3

Durante o pasado Mobile World Congress tivemos a oportunidade de ver e ter un achegamento á Wolder Millennial, unha phablet de 6 polgadas que, a diferenza de outros trebellos dese tamaño, aposta polo formato 4:3, o que achega unha experiencia máis semellante a unha tablet de pequeno tamaño.

O dispositivo integra un panel IPS con calidade HD e tecnoloxía zero-air-gap, e no seu interior alberga un procesador de catro núcleos fabricado por Intel (Intel Atom X3 de 64 bits), que vén acompañado por 2 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria interna, ampliábeis mediante tarxetas microSD.

Wolder Millennial

No apartado multimedia, a cámara principal é de 13 megapíxeles con flash LED, mentres que a frontal é un sensor de 5 megapíxeles. Vén con 2500 mAh de batería e Android 5.1 (Lollipop), aínda que proximamente será actualizado a Android 6.0 (Marshmallow).

A Wolder Millennial xa está dispoñíbel na tenda online de Wolder por 149 euros. Para poder mercala en tendas físicas teremos que agardar ao 13 de xuño.

Deixa un Comentario