Samsung Galaxy Tab Iris, 7 polgadas e escáner de iris

Sen facer moito ruído, Samsung anunciou o seu primeiro dispositivo equipado con escáner de iris, o seguinte paso na identificación biométrica logo dos lectores de pegadas dixitais. Trátase da Samsung Galaxy Tab Iris, unha tablet con pantalla de sete polgadas que nun primeiro momento estará destinada unicamente ao goberno e ás empresas da India.

Centrándonos nas súas especificacións estamos ante un dispositivo con pantalla de 7 polgadas e resolución WSVGA (1024 x 600 píxeles), que no seu interior leva un procesador de catro núcleos a 1,2 GHz, xunto 1,5 GB de memoria RAM e 8 GB de memoria interna que poden ampliarse mediante tarxetas microSD de até 200 GB.

samsung galaxy tab iris -1

A cámara frontal, que incorpora o recoñecemento de iris, é de 5 megapíxeles. Vén con Android 5.0 (Lollipop), leva unha batería de 3600 mAh e a súa conectividade á rede é a través de WiFi.

Todo apunta a que este tipo de sensores comezará a ser habitual nos próximos dispositivos do fabricante surcoreano. De feito o máis probábel é que esta sexa unha das funcionalidades estrela do Samsung Galaxy Note 6, previsto para os próximos meses.

Deixa un Comentario