Analizamos o Sony Xperia Z5 Compact

Enmarcados en plena campaña de promoción da nova serie de Sony, os Xperia X, probamos un dos seus predecesores, o Sony Xperia Z5 Compact, un dispositivo de alta gama en tamaño reducido. Vexámolo máis polo miúdo.

Deseño, acabado e conexións

Sony leva tempo apostando pola mesma fórmula de deseño, unhas liñas rectas e cadradas que identifican univocamente os terminais da compañía, resultando ademais bastante atractivos. Malia a aparente pouca novidade que pode parecer a primeira vista, o certo é que a pouco que nos fixemos veremos que hai un importante refinado da chamada liña “OmniBalance” de Sony, resultando un trebello moito máis agradábel de soster na man.

Nos materiais destaca o uso de cristal esmerilado na parte traseira, cunha sensación ao tacto menos fría ca o vidro que podemos disfrutar noutros dispositivos, ademais de ser moito máis resistente ante posíbeis caídas. Combínase co uso de policarbonato, o material que empregan en todo o marco lateral, que polo seu grosor dá a sensación de ter un bumper incluído de serie.

xperia z5 compact - 2

Malia conservar a resistencia a somerxementos e pó que certifica o estándar IP68 o dispositivo eliminou as lapelas que protexían o jack 3.5 e o microUSB, quedando ao descuberto para que sexan máis accesíbeis. O botón de acendido sitúase no centro do lateral dereito, unha posición bastante cómoda, e inclúe o sensor de pegadas dixitais. Non quedan tan cómodos os botóns de subir e baixar volume, xa que están situados debaixo do de acendido e obrigan a facer filigranas coas mans para os usar.

Hardware e rendemento

O Sony Xperia Z5 Compact vén con procesador Qualcomm Snapdragon 810 v2.1, acompañado de 2 GB de memoria RAM e 32 GB de memoria interna, unha capacidade que hoxe en día debera ser de serie, pero que aínda non todos os fabricantes inclúen. Ademais, pódense ampliar mediante tarxetas microSD de 200 GB, polo que este tema non fica lonxe de ser unha preocupación.

En canto a conectividade, vén con todo o que podemos agardar dun dispositivo da súa gama, como 4G-LTE, Bluetooth 4.1, WiFi AC e NFC, co que poderemos facer pagamentos móbiles.

Pantalla

En canto á pantalla, incorpora un panel IPS de 4,6 polgadas con calidade HD (1280 x 720 píxeles, 323 ppp). É sen dúbida o seu elemento diferenciador, polo seu tamaño compacto, aínda que no aspecto da resolución foron un pouco conservadores, decidindo manterse noa estándar.

Malia este pequeno “pero”, ofrece unha experiencia de cor superior, cun bo contraste e saturación, así como con amplos ángulos de visión que nos permitirán gozar dos contidos reproducidos nela desde case todos os puntos. Tamén ten un amplo grao de brillo, permitindo que podamos usar o dispositivo en todas as condicións de luminosidade, aínda que os mínimos e máximos só os conseguimos manualmente, algo anecdótico, xa que coa xestión automática resolvemos practicamente todas as posibilidades.

Como punto extra, dispón de dobre toque en pantalla para espertar o dispositivo, algo que persoalmente nos encanta.

Lector de pegadas dixitais

Como comentamos, o lector de pegadas dixitais está incluído no propio botón de acendido lateral. É unha situación un tanto diferente, dado que a meirande parte dos fabricantes apostan por poñelos na parte posterior, ou por diante no centro.

A ubicación elixida por Sony pareceunos moi acertada, e o funcionamento impecábel: rápido e eficiente. Non se pode pedir máis.

Cámara

Toda a gama Z de Sony serviulle á marca para presumir de ter as mellores cámaras, unha verdade a medias. Efectivamente os trebellos da marca xaponesa incluían algúns dos lentes e sensores máis destacados en cada momento, aínda que o fallo estaba no procesado da imaxe posterior.

xperia z5 compact - 1

Con este Xperia Z5 podemos dicir que iso é cousa do pasado, e que os resultados son unha boa mostra da calidade da cámara, conseguindo imaxes que destacan pola súa naturalidade e detalle. O sensor principal é de 23 megapíxeles aos que se lles pode sacar todo o xugo no modo manual, mentres que a cámara frontal ten un sensor de 5 megapíxeles, cuns resultados realmente interesantes.

Podedes botarlle un ollo á galería de imaxes que colgamos no noso perfil de Flickr.

Batería

A batería é de 2700 mAh, unha capacidade que explica tanto o grosor do dispositivo como o seu peso, superiores ao que poderíamos agardar para un dispositvo deste tamaño.

Outórgalle ao terminal unha autonomía abonda para superar un día de uso intenso, e de termos unha xornada pouco activa para acadar os dous días.

Conclusións

O dispositivo ten un público obxectivo moi claro: aquelas persoas que queren ter un trebello Android de tamaño reducido e prestacións de gama alta, dado que a tendencia xeral dos fabricantes é deixar as mellores especificacións unicamente nos dispositivos de máis de 5 polgadas.

Os dous puntos máis destacábeis ao seu favor son sen dúbida a cámara, cunha calidade envexábel e resposta rápida, e a autonomía, que pode chegar a darnos preto de 2 días de uso nos días non excesivamente activos. Pola contra, a ubicación dos botóns de volume e o seu peso son os factores que poderían ter mellorado para conseguir un dispositivo máis perfecto.

O Sony Xperia Z5 Compact pódese mercar por algo máis de 350 euros en lugares como Amazon.

Deixa un Comentario