R comeza a cobrar o exceso de datos

Unha de cal e outra de area. Se hai uns días celebrabamos que R deixase de cobrar as chamadas entrantes en roaming europeo, adiantándose ás exixencias da Unión Europea, hoxe chéganos a información de que a cableira galega comezará a cobrar por defecto o exceso de datos.

Até o de agora, as usuarias de R que consumiran todo o volume de datos contratado vían reducida a velocidade aos 64 kbps, unha taxa de transferencia que serve para ter unha conectividade básica que nos permite comprobar o email, WhatsApp e pouco máis.

Tras facer bandeira desta “navegación ilimitada” durante moitos anos, a compañía pasa a cobrar por defecto polo exceso de datos en bloques de 2 € por 200 MB, até acadar un máximo mensual de 1 GB (10 euros). Nese momento si que se reducirá a velocidade ou permitirá contratar un bono extra de 500 MB por 6 €. De non querer este modo de tarificación, terá que ser a usuaria quen solicite a desactivación deste modelo.

Os cambios prodúcense xusto antes de que comece o cambio de cobertura a Orange para poder ofrecer 4G ás clientas, e aínda que desde R aseguran que están traballando coa compañía francesa para que as usuarias non noten moito o cambio, o certo é que cos mapas de cobertura actuais de Orange as usuarias de R sufrirán un cambio a peor en boa parte do territorio galego.

Vía

Sobre o autor

4 Comments

  1. Alfonso Pol Guimarey 21 Xuño, 2016 Responder
    • Iago Varela Martínez 21 Xuño, 2016 Responder
    • ivan otero 21 Xuño, 2016 Responder
  2. Roi 29 Xuño, 2016 Responder

Reply