ZTE anuncia o Nubia Z11: toda a información

ZTE deu a coñecer esta mañá un novo dispositivo, o Nubia Z11. Trátase da última aposta do fabricante por dispór dun trebello coas últimas prestacións, bos acabados e un deseño que destaca pola ausencia de bordes, que confirman o obxectivo da marca por medirse de ti a ti cos grandes fabricantes de gama alta.

O novo smartphone de ZTE vén cunha pantalla FullHD de 5,5 polgadas (1920 x 1080 píxeles), e no seu interior alberga o procesador Qualcomm Snapdragon 820, xunto cunha GPU Adreno 530. Leva unha memoria RAM de 6 GB e 128 GB de almacenaxe interna, que poden ampliarse mediante tarxetas microSD de até 200 GB, aínda que tamén hai unha versión máis económica de 4 GB de RAM e 64 GB de memoria interna.

zte nubia z11 - 1

A cámara principal é de 16 megapixeles, con estabilizador de imaxe OIS e PDAF, mentres que o sensor frontal é de 8 megapíxeles. A batería fica nos 3000 mAh de capacidade con carga rápida, e entre as opcións de conectividade destaca o NFC, 4G, Bluetooth 4.1 e USB tipo C. Tamén vén con lector de pegadas dixitais, situado na parte traseira do dispositivo.

Polo de agora descoñécese tanto o prezo como a súa data de dispoñibilidade en Europa, pero na China chegará por 340 € a versión de 4 GB de RAM + 64 GB de interna e por 475 € a de 6 GB + 128 GB de memoria. Poderase mercar en gris, prata, rosa dourado e dourado.

Sobre o autor

Reply