Analizamos o Nexus 5X

O ano pasado Google sorprendeunos lanzando dous terminais da saga Nexus a un tempo: o Nexus 6P, fabricado por Huawei, e o Nexus 5X, fabricado por LG e protagonista hoxe da nosa análise. Trátase do dispositivo máis pequeno dos dous, e tamén o máis económico.

Deseño, acabado e conexións

Se algo deu que falar nestes Nexus foi de seu deseño. Lonxe do que moitas pensaban, Google apostou porque fose sobrio, sen moita floritura e co plástico como único material para o seu chasis. Mais unha vez estamos ante un dispositivo unibody, o que non nos permite mudar a batería.

nexus 5x - 1

Os botóns sitúanse na súa totalidade no lateral dereito do dispositivo, mentres que no esquerod unicamente temos  a bandexa extraíbel para a tarxeta microSIM. Na parte traseira temos gravada a palabra Nexus, a cámara (no centro, e con certa protuberancia) co seu flash LED e autofocus láser, e o lector de pegadas dixitais. O jack de 3.5 e o USB Tipo C de carga están na parte inferior do dispositivo.

nexus 5x - 3

O plástico empregado ten unha rugosidade moi agradábel ao tacto, aínda que na versión branca tende a mancharse con facilidade. O negro é moi máis limpo, nese aspecto.

Hardware e rendemento

Google non sempre apostou polo hardware máis actual nos seus dispositivos, senón polo que eles consideraron máis eficiente ou que podía funcionar mellor con Android puro en cada momento. No caso do Nexus 5X estamos ante un dispositivo que incorpora un procesador Qualcomm Snapdragon 808, de seis núcleos (catro a 1,44 GHz e dous a 1,82 GHz) e gráfica Adreno 418. Ten 2 GB de memoria RAM e está dispoñíbel en dúas opcións atendendo á súa capacidade interna, non expandíbel: 16 ou 32 GB.

Dispón de lector de pegadas dixitais na parte traseira, un dos máis rápidos de todos os que levamos probado, e conectividade LTE, WiFi de dúas bandas, NFC e Bluetooth 4.2, entre outros. Ademais aposta polo cargador USB Tipo C, sendo un dos primeiros dispositivos de venda masiva en incorporalo.

O dispositivo aproveita ben este hardware, movendo todo tipo de aplicacións sen problemas e sen sobrequecementos.

Pantalla 

Para a pantalla, LG optou por un panel LCD IPS de 5,2 polgadas e resolución FullHD (1920 x 1080 píxeles, 423 ppp), protexido por Corning Gorilla Glass 3.

É un panel cunha nitidez correcta e uns ángulos de visión suficientes, o que nos permite ver os contidos sen maior problema case desde calquera lugar no que nos situemos. Como contrapartida, as cores non destacan especialmente, senón que se manteñen na media da gama.

Aínda que non se apostou por un sistema always on, como no máis recente LG G5 ou no Galaxy S7 de Samsung, dispón dun modo de uso que acende a pantalla para amosar as notificacións.

Cámara

Nos últimos Nexus a cámara non era especialmente relevante, mais isto é algo que cambia no Nexus 5X, cuxo sensor é unha das súas características máis destacábeis.  Na cámara principal temos unha lente de 12,3 megapíxeles, con apertura focal f/2.0, laser autofocus e dobre flash LED, mentres que no caso da cámara frontal atopámonos cun sensor de 5 megapíxeles e apertura f/2.0.

nexus 5x - 2

En ambos casos, mais especialmente no caso do sensor principal, destaca a nitidez e as cores das imaxes, aínda que como contrapartida pensamos que ás veces é un pouco lenta ao enfocar.

A aplicación de cámara que inclúe Google é demasiado básica, como se fose pensada para usuarias que unicamente van empregar as opcións máis evidentes. Os poucos axustes que permite son seleccionar fotografía estandar, esférica e panorámica, así como o temporizador, HDR+ e o flash. Bótanse de menos outros axustes manuais, para disfrutar dos cales teremos que recorrer a outras aplicacións de terceiros.

Na nosa galería de Flickr podedes ver unha galería de imaxes tomadas con este dispositivo.

Batería

A batería do Nexus 5X é de 2700 mAh, o que nos dá uns resultados aceptábeis, pero tampouco nada en destaque. O que si é relevante é a implementación de Doze, a ferramenta de Google capaz de xestionar o consumo de batería cando non estamos a usar o dispositivo, por exemplo ao estar sobre unha superficie, onde é mínimo.

Como contrapartida, leva un sistema de carga rápida capaz de cargar o 50% da batería en menos de media hora, o que supón un chute de enerxía extra que nnos pode vir ben para rematar o día sen preocupacións.

Conclusións

O Nexus 5X é o dispositivo para as amantes do “puro Google” que prefiren quedar nas 5,2 polgadas en lugar de dar o paso ás 5,7 que nos ofrece o Nexus 6P. Ao seu favor está, ademais desta experiencia, un funcionamento fluído e correcto, unha cámara sobresaínte e un deseño sobrio e resistente. Entre os aspectos mellorábeis teríamos a batería ou a pantalla, que están na media da súa gama

Aínda que o seu prezo na tenda oficial é de 429 (16 GB) ou 479 € (32 GB), en tendas como Amazon podemos atopalo por 249 (versión 16 GB) ou 290 € (versión 32 GB)

 

2 Comentarios

  1. Artai 5 Agosto, 2016 Responder
    • Iago Varela Martínez 6 Agosto, 2016 Responder

Deixa un Comentario