Fíltranse as imaxes de prensa do novo Samsung Galaxy Note7

Días atrás xa falamos de que Samsung tiña previsto saltarse un “Note” e pasar este ano do 5 ao 7, co obxectivo de igualar o percorrido dos Galaxy S, que xa van pola sétima versión. A información confirmámola cunha filtración de @evleaks, que tras facer público o nome, Galaxy Note7, vén de amosar o aspecto final grazas ás imaxes de prensa, co que se resolve un dos maiores misterios.

O Galaxy Note7 terá un deseño moi semellante ao Galaxy S7 Edge, apostando pola pantalla curvada cara ambos lados, algo que xa é sinal de identidade de Samsung. Ademais, igual ca nos S7, tamén corrixe a protuberancia da cámara na parte traseira. Na zona frontal, o sensor de pegadas dixitais segue a situarse no botón de inicio, outro sinal de identidade ao que o fabricante surcoreano no parece disposto a renunciar, e integrará, como gran novidade, un escáner de iris.

A aposta polos sensores biométricos para autenticarnos está clara, e boa mostra diso é a presenza do sensor de pegadas dixitais en case todos os novos dispositivos que saen ao mercado. Agora, o escáner de iris semella ser o paso máis aló, para identificarnos a través do ollo e certificar que, efectivamente, somos nós quen está diante do dispositivo. Con todo, falta saber que tecnoloxía de escáner de iris emprega Samsung e todos os usos que lle dá, un misterio que seguramente non se descubra até o día da presentación.

samsung galaxy note7 filtrado - 2

En canto ás súas especificacións, as filtracións que houbo até o de agora son un tanto contradictorias, pero estamos certas que conforme nos vaiamos achegando á data da súa presentación, prevista para o 2 de agosto, iremos descubríndoas. O que si parece claro é a aposta polo USB Tipo C, o novo estándar de porto reversíbel co que estamos a sustituír os microUSB.

En canto a cores e acabados, as imaxes amosan a existencia de, cando menos, os modelos en negro, gris e azul, pero seguro que cae algún máis na vida útil do dispositivo.

Deixa un Comentario