Fíltrase o Honor V8 Max, con pantalla de 6,6 polgadas

Ás veces resulta difícil establecer o límite entre o que é un smartphone e unha tablet. Honor, a marca alternativa de Huawei, anunciou o pasado mes de maio o seu Honor V8, un dispositivo que destacou pola súa pantalla QHD de 5,7 polgadas e a presenza dunha cámara principal con dobre lente.

Case dous meses despois unha filtración vén a confirmar con imaxes e especificacións un modelo derivado deste, o Honor V8 Max, que chama a atención pola presenza dunha pantalla de 6,6 polgadas e calidade QuadHD, que xa fica o límite o aceptábel para un dispositivo que aspiramos a levar no peto (se é que cabe?).

No interior do dispositivo repítense algunhas compoñentes, como o procesador, un Kirin 950, de oito núcleos e unha frecuencia de reloxo de 2,3 GHz, fabricado pola propia Huawei. A memoria RAM sitúase nos 3 GB e dispón de 32 GB de memoria interna, ampliábeis mediante tarxetas microSD.

En canto ás cámaras, a principal é de 13 megapíxeles e a frontal sitúase nos 8 Mpx. Dispón de sensor de pegadas dixitais, instalado na parte traseira do dispositivo, alén de conectividade 4G e unha batería de 4400 mAh.

Como é de imaxinar, este tamaño de pantalla tamén ten o seu reflexo nas dimensións finais do dispositivo, que mide 178,8 x 90,9 x 7,2 mm e pesa 219 gramos.

Que vos parece?

Sobre o autor

Reply