Lufthansa ofrecerá WiFi nos voos de curta e media distancia a partir de outubro

Somos moitas as que agardamos impacientes polo momento no que poidamos subir a un avión e conectar os nosos trebellos ao WiFi para traballar ou pasar o tempo nas redes sociais. O certo é que nos últimos tempos foron varias as compañías que se apuntaron a este servizo, aínda que con moitas limitacións, ben sexa de prezo ou ben de tipo de voo, quedando relegado aos de longa duración.

A compañía Luthansa vén de anunciar cambios neste senso, achegando a conectividade aos voos de curta e media distancia. Un primeiro avión foi preparado coa tecnoloxía necesaria para dar este servizo durante o mes de xuño, e nas próximas semanas faranse probas de cara a comercialización do mesmo no mes de outubro. A previsión é que no 2018 todas as aeronaves da compañía estén preparadas para ofrecelo.

Para dar Internet aos seus avións, Lufthansa emprega a tecnoloxía de banda larga por satélite (banda Ka) da rede Global Xpress de Inmarsat, que tamén emprega para o envío a recepción de SMS (a funcionalidade de chamadas téñena capada para evitar o malestar que pode xerar entre a pasaxe).

De manterse os prezos actuais, Lufthansa cobra 9 € por 1 hora ou 3000 millas, 14 euros por 4 horas ou 4500 millas ou 17 € por todo o voo (24 horas ou 5500 millas).

Sobre o autor

Reply