Transatel DataSIM, outra opción para ter datos móbiles no extranxeiro

Viaxar ao extranxeiro co noso móbil pode ser todo un suplicio se non tomamos as precaucións pertinentes, é dicir, se non temos en conta os sobrecustos do roaming, aínda que ben é certo que nos últimos tempos baixaron os prezos dos datos en roaming, mais segue sendo caro, agás casos excepcionais.

Un exemplo é Vodafone, operadora que suprimiu o roaming en Europa e Estados Unidos, polo que as súas clientas poden facer uso do móbil como se estiveran aquí. E a outra, unha que aconsellamos moito para viaxar a Europa: Orange e a súa tarifa Go Europa, que ofrece bonos autorenovábeis de 100 MB/1 € só o día que nos conectamos, tamén dispoñíbeis en prepago.

Mais hoxe queremos falarvos de Transatel DataSIM, unha tarxeta SIM que podemos mercar en aeroportos e outros sitios turísticos de 47 países, ou tamén vía Internet (tardan entre 2 e 4 días),  e que sirve basicamente para ter Internet no móbil. Vén precargada cun saldo inicial de 10, 25 ou 50 € (o saldo coincide co custo, agás na de 10 € de saldo, que custa 15 €) e cos 3 cortes feitos, para que poidamos usala como SIM, microSIM ou nanoSIM segundo as nosas necesidades.

Tarifas

As tarifas dependen do país no que esteamos a usar a tarxeta, e a caducidade do saldo do importe que recarguemos. Así, por exemplo, 10 € podémolos usar unha semana, 25 € un mes e 50 € até 90 días.

Podemos navegar desde 2 céntimos por MB de datos ou facernos con paquetes de 1 GB, que por exemplo para Francia custa 14 euros e para Reino Unido 12 €. Tamén existen opcións que engloban varios países, como EuroPass (toda Europa menos Alemania, Países Baixos e Turquía), Europass+ (todos) ou AsiaPass (todos os países de Asia). En África e América cóbrase unicamente por MB, cuns prezos que poden variar entre os 2,9 e os 19,2 céntimos.

Como vedes, non estamos a falar dunha alternativa económica, mais a cambio ten a vantaxe de que non nos temos que preocupar de andar pendentes de buscar unha SIM local ou outra alternativa para ter datos nos nosos móbiles.

Deixa un Comentario