O Wolder Wiam #65 porase á venda no noso país o 14 de xullo

Tras poñer á venda a phablet Millennial, o fabricante español Wolder vén de anunciar a chegada do Wolder Wiam #65, un dispositivo de gama media mais con prestacións e acabados das gamas máis avanzadas.

O trebello incorpora unha pantalla de 5,5 polgadas con calidade FullHD (1920 x 1080), e no seu interior traballa un procesador MediaTek Helio P10, de oito núcleos a 2 GHz, acompañado de 3 GB de memoria RAM e unha capacidade interna de 32 GB, ampliábeis mediante microSD de até 64 GB.

wolder wiam 65 - 2

No apartado fotográfico, a cámara principal é un sensor Sony IMX230 de 21 megapíxeles (que tamén incorpora o Xperia Z3), con flash de dobre ton; para a frontal escolleron un sensor de 13 megapíxeles co que prometen uns resultados superiores ao que nos teñen acostumadas este tipo de cámaras.

A batería é de 3000 mAh, con función de carga rápida que nos permite cargar o 75% da súa capacidade con tan só media hora de enchufe. Dispón de sensor de pegadas dixitais, situado na parte traseira do dispositivo, ademais de NFC e LED de notificacións.

wolder wiam 65 - 3

En canto a sistema operativo, funciona con Android 6.0 Marshmallow cunha lixeira capa de personalización, e está optimizado para a realidade virtual (VR Ready). Ademais tamén chega con acordos comerciais para ofrecer durante un tempo suscricións gratuítas a Panda Mobile Security, 24Symbols, Kiosko y+, Dr. Security e News Republic.

O novo Wolder Wiam #65 porase á venda o próximo 14 de xullo por 299 €. Nun primeiro momento chegará en Pro Grey, aínda que está previsto que nas semanas seguintes aparezan as novas cores, un ton dourado (Golden Freezer) e un modelo rosado (Laser Pink).

Deixa un Comentario