TP-Link Neffos Y5L: toda a información

A maior parte de nós coñecemos á empresa TP-Link polas súas solucións de rede, como routers e puntos de acceso. Porén, a comezos de ano esta compañía decidiu aventurarse no mundo dos smartphones con varios modelos de gama baixa, e agora veñen de lanzar un novo smartphone chamado TP-Link Neffos Y5L.

O trebello, de deseño austero e compacto, segue apostando pola mesma gama, así como por un prezo ao alcance de todos os petos, aínda que isto signifique renunciar a aspectos como a conectividade 4G.

O Neffos Y5L incorpora unha pantalla de 4,5 polgadas con resolución 854 x 480 píxeles (218 píxeles por polgada). No seu interior alberga un procesador Qualcomm Snapdragon 210, de catro núcelos a 1,1 GHz, xunto con 1 GB de memoria RAM e 8 GB de memoria interna, ampliábeis mediante tarxetas microSD de até 32 GB.

TP-Link Neffos Y5L - 2

A cámara principal é de 5 megapíxeles, e frontal de 2. Mpx. A súa batería ten 2020 mAh de capacidade e dispón de dual SIM. En canto a sistema operativo, vén con Android 6.0 Marshmallow, que con toda seguridade non volverá ser actualizado.

Con estas características tampouco era de agardar un prezo elevado. O dispositivo sitúase nos 69,90 euros e podémolo mercar en branco, gris escuro ou amarelo, sendo un dispositivo que pode estar ben para aquelas persoas que non precisen moito ou como primeiro móbil adolescente.

Sobre o autor

Reply