Amazon subvenciona móbiles a cambio de publicidade

Todas lembramos cando anos atrás as operadoras “regalaban” os móbiles polo mero feito de asinar un contrato de permanencia de 18 ou 24 meses, mais conseguir algo semellante a día de hoxe resulta practicamente imposíbel, xa que a práctica totalidade das operadoras optaron por establecer un mecanismo de financiamento a prazos.

O xigante Amazon vén de pensar nunha nova fórmula para permitir que as usuarias poidamos aforrar algo no prezo dos dispositivos, e aproveitando que consultamos a pantalla do noso móbil cando menos 50 veces ao día propoñen poñer neste espazo publicidade segmentada dos seus produtos á quen queira un aforro de 50 dólares (uns 45 euros).

Polo de agora trátase dunha opción dispoñíbel unicamente nos Estados Unidos para as usuarias de Amazon Prime, a suscrición premium de Amazon que elimina os gastos de envío e ten outras vantaxes, e para dous modelos de teléfono, o Moto G e o Blu R1 HD, mais non descartan levar este mesmo modelo de subvención a outros dispositivos.

No caso do Blu R1 HD, que custa 100 dólares, a subvención fai que quede na metade, 50 dólares, mentres que o Moto G pasa de custar 200 dólares a quedar en 150, arredor de 135 euros.

Que vos parecen este tipo de prácticas? Estaríades dispostas a sufrir a publicidade na pantalla do voso teléfono por un aforro de menos de 50 euros?

Deixa un Comentario