Probamos as WTF Smart Stickers, un accesorio para pegar o noso teléfono a calquera cousa

Estes días estivemos a probar un curioso accesorio para os nosos teléfonos e tablets. Falamos das WTF Smart Stickers, uns adhesivos que permiten pegar o noso dispositivo a calquera superficie sen deixar rastros unha vez que o despegamos da mesma.

Estas pezas teñen dúas partes adhesivas, unha que se se sitúa na parte traseira do dispositivo móbil e outra que quedaría cara arriba, que será a que peguemos á superficie que queiramos. Incorpora tamén unha tapa móbil, que protexe a parte adhesiva cando non a estamos a empregar e que, polo tanto, debemos abrir cando usemos. Ademais, esta lapela tamén pode ser usada como soporte para manter de pé o dispositivo sobre unha superficie plana.

wtf smart stickers - 3

As WTF Smart Stickers teñen unha medida estándar de 55 x 55 mm e están fabricadas en PVC. O pegamento é unha goma capaz de adherirse a superficies planas de todo tipo de materiais (plástico, madeira, paredes, cristal, metais, pedra, ….). Está fabricado cun material que non deixa ningunha pegada sobre o material sobre o que se pousa, o cal é unha vantaxe adicional, e ten unha vida útil dunhas 1000 pegadas.

wtf smart stickers - 1

As funcións deste accesorio son numerosas, tantas como se nos poidan ocorrer. Como exemplos, podemos sacar selfies sen ter que estar aguantando o dispositivo coa man, colocar o móbil na parede da cociña mentres seguimos unha receita coas mans manchadas de fariña ou adherilo ao asento dianteiro do tren para ver a nosa serie favorita sen ter que ir sostendo o trebello toda a viaxe.

O modo de funcionamento é extremadamente sinxelo. Como se pode ver no vídeo que abre este artigo a colocación faise en catro sinxelos pasos: despegar o film protector da parte traseira do sticker, pegalo por detrás do teléfono ou tablet, abrir a lapela e pegalo sobre a superficie.

wtf smart stickers - 2

Tras varias xornadas de uso vémoslle moitas vantaxes. Poder liberar as mans mentres facemos cousas co trebello é sempre positivo, mais o que pensamos que é máis revolucionario é o feito de que sexa un método de pegado totalmente limpo. Malia que o trebello queda fixado (e ben fixado!) á superficie non deixa rastro algún do seu paso.

As WTF Smart Stickers teñen un PVP recomendado de 5 euros, e tras un período de exclusiva nas tendas VIPS xa se poden mercar en grandes superficies como El Corte Inglés (zonas de telefonía e The Shop), The Phone House, Media Markt, Worten e algunhas tendas das estacións de servizo Cepsa e Repsol.

Deixa un Comentario