Así é o novo Meizu MX6: toda a información

Meizu vén de lanzar novo dispositivo, o Meizu MX6, un trebello coa que a compañía quere amosar ao mundo que está en plena madurez tecnolóxica e é quen de medirse de ti a ti co resto de compañías emerxentes, nomeadamente con OnePlus e o seu OnePlus 3..

O dispositivo incorpora unha pantalla SuperAMOLED de 5,5 polgadas, cunha resolución 1080p (400 ppp), curvatura 2.5D e sensor de presión 3D. No seu interior leva o procesador Helio X20 de MediaTek, xunto cunha GPU Mali-T880MP4, 4 GB de memoria RAM e 32 GB de almacenaxe interna non ampliábeis.

meizu mx6 - 2

A cámara principal é un sensor firmado por Sony, o modelo IMX386. Ten 12 megapíxeles e unha apertura focal f/2.0; por outro lado, a cámara frontal é de 8 megapíxeles. Estes movementos confirman que cesou esta guerra por meter máis megapíxeles e centrarse na calidade final das imaxes, xa que como temos comentado en máis dunha ocasión un maior número de megapíxeles non implica maior calidade directa.

meizu mx6 - 3

No campo da autonomía, o fabricante apostou por unha batería de 3060 mAh de capacidade, con funcións de carga rápida. Dispón ademais de USB Tipo C, que pouco a pouco vaise estandarizando, e sensor de pegadas dixitais. Así mesmo, trátase dun dispositivo Dual SIM con LTE categoría 6 (até 300 Mbps de descarga).

Está previsto que o dispositivo saia á venda o 30 de xullo na China por un prezo que rondará os 270 euros ao cambio. Que vos parece esta nova proposta?

Deixa un Comentario