A nova BlackBerry DTEK50 aposta por Android e a seguridade

Hai unhas semanas soubemos que BlackBerry traballaba en tres terminais Android a lanzar durante os próximos meses e onte, por fin, chegou o primeiro deles. É a nova BlackBerry DTEK50, un trebello que aúna nun dispositivo o mellor de Android coas prestacións de seguridade que caracterizan ao fabricante canadiense.

A DTEK50 é un dispositivo de gama media fabricado por TCL e baseado no Alcatel Idol 4. Incorpora unha pantalla con resolución FullHD de 5,2 polgadas, e no seu interior leva un procesador Qualcomm Snapdragon 617, de 8 núcelos e con arquitectura de 64 bits. Está acompañado de 3 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria interna, ampliábeis mediante tarxetas microSD de até 2 TB.

blackberry dtek50 - 1

A cámara principal é de 13 megapíxeles, con apertura f/2.0, mentres que a frontal é de 8 Mpx con apertura f/2.2; ambas as dúas poden gravar vídeo FullHD a 30 fps. Complementan a listaxe de especificacións unha batería de 2610 mAh de capacidade, conectividade 4G, Bluetooth 4.2 e NFC. Como sistema operativo leva Android 6.0 Marshmallow.

Con todo, o que fai especial a esta nova BlackBerry son os sistemas de seguridade a nível software. A DTEK50 vén con protección para datos privados e contra a instalación de malware, así como o compromiso coas actualizacións de seguridade. O propio dispositivo analiza o nível de seguridade interno e achega consellos ás usuarias sobre como pode solucionalo.

En canto a dispoñibilidade, a nova BlackBerry DTEK50 xa se pode reservar no noso país por 339 euros, con entrega programada para o 8 de agosto. Ademais, as persoas que reserven agora recibirán de agasallo unha batería externa de 12.600 mAh, aínda que só até rematar existencias.

One Response

  1. Javier Pico 27 Xullo, 2016 Responder

Deixa un Comentario