Xiaomi anuncia o Mi Notebook Air, o seu primeiro portátil

O fabricante chinés Xiaomi vén de anunciar esta mañá o lanzamento do seu primeiro portátil, o Xiaomi Mi Notebook Air, un dispositivo que se presenta en dúas versións, unha de 13,3 polgadas e outra de 12,5, e dous acabados,  dourado e prata.

A versión de 13,3 polgadas (Full HD 1920 x 1080) é a máis avanzada en canto a prestacións. Leva un procesador Intel Core i5, cunha frecuencia de reloxo de 2,7 GHz, qu está acompañado de 8 GB de memoria RAM e unha tarxeta gráfica Nvidia GeForce 940MX. O seu disco duro é de 256 GB.

En cando a deseño, ten un grosor de 14,8 mm e uns marcos de 5,59 mm; pesa 1,28 kg. A batería é de 40 Wh, con até 9,5 horas de autonomía e sistema de carga rápida que permite pasar de 0 a 50% en media hora. Complementan as especificacións do trebello un porto HDMI, 2 USB 3.0, minijack de 3.5 mm e USB Tipo C. O sistema operativo é Windows 10.

A versión de 12,5 polgadas (tamén Full HD) é algo máis modesta. Leva un procesador Intel Core m3, 4 GB de memoria RAM e 128 GB de memoria interna. Dispón ademais de porto USB 3.0, HDMI e minijack de 3.5 mm.

O seu grosor é de 12,9 mm e pesa 1,07 kilogramos. A batería dálle unha autonomía de 11,5 horas.

Prezos e dispoñibilidade

A versión de 13,3 polgadas partirá de 4999 yuáns (aproximadamente uns 680 euros), mentres que o modelo de 12,5 polgadas arranca nos 3499 yuáns (475 euros). Poranse á venda na China a partir do próximo 2 de agosto.

Deixa un Comentario