Analizamos o Coolpad Torino S

Non hai moito tempo Coolpad deunos a coñecer o seu Coolpad Torino S, un pretencioso terminal que por apenas 200 euros ofrece unhas características moi interesantes. Durante as últimas semanas puidemos probar unha unidade deste modelo a fondo. Estas son as nosas conclusións

Deseño, acabado e conexións

O terminal é un trebello de dimensións axustadas e unha forma que cadra moi ben na man, grazas ás súas curvaturas na parte traseira. Está rematado en plástico suavizado na parte traseira, mentres que a frontal é un continuo de cristal, que vai máis aló da pantalla.

coolpad torino s - 1

Os botóns do dispositivo concéntranse no alteral dereito, estando os controis de volume na parte superior e o de acendido nunha situación máis central. No outro lado, no lateral esquerdo, leva a ranura para a tarxeta microSIM e expansión de memoria por microSD. O jack de audio de 3.5 mm está na parte superior, mentres que o cargador microUSB sitúase na parte inferior.

coolpad torino s - 3

Na parte traseira do terminal temos a cámara, ocupando o espazo central superior, xunto co seu flash LED e o lector de pegadas dixitais. Na parte inferior da traseira temos o altofalante.

Hardware e rendemento

A diferenza de outros modelos máis asequíbeis da marca, o Torino S é un dispositivo moi compensado en canto a hardware. Leva un procesador Qualcomm Snapdragon 410, de catro núcelos a 1,2 GHz e GPU Adreno 306, acompañado de 2 GB de memoria RAM e unha memoria interna, que podemos ampliar cunha tarxeta microSD.

coolpad torino s - 4

Pode traballar con dúas tarxetas SIM ao mesmo tempo, aínda que isto nos obriga a ter que prescindir de tarxeta microSD, xa que comparte espazo. Tamén é compatíbel coas redes 4G e trae sensor de pegadas dixitais, un dos máis rápidos de todos os que levamos probado.

Pantalla

A pantalla é un panel LCD IPS de 4,7 polgadas, con calidade HD (720 x 1280 píxeles, 312 ppp). Ten certa curvatura, co efecto que produce o corte 2.5D, que se está a volver unha solución moi socorrida por moitos fabricantes.

A calidade da pantalla, a efectos prácticos, é moi boa, tendo imaxes nítidas e certamente realistas. O marxe de brillos que admite o dispositivo é moi amplo, o que nos permite empregar o trebello no exterior podendo ver ben a pantalla, aínda que carece de regulación automática, de maneira que se pasamos dun entorno escuro a un con moita luz tendo o brillo moi baixo poderemos tardar en ver como poñelo a un nível aceptábel.

Cámara

A cámara principal é de 8 megapíxeles, e consegue uns resultados máis que aceptábeis en practicamente todas as situacións, aínda que cando sacamos fotos en espazos escuros con flash resultan iluminadas de maneira pouco natural.

coolpad torino s - 5

A frontal ten un sensor de 5 megapíxeles, capacidade suficiente para sacar selfies xeitosas ou para manter videochamadas.

Na nosa galería de Flickr podedes ver unha serie de imaxes tomadas con este dispositivo.

Sistema operativo

O trebello vén con Android 5.1 Lollipop, aínda que durante o tempo que o estivemos a probar recibimos varias actualizacións de software menores, polo que non descartaríamos que fose recibir versións posteriores de Android.

Sobre esta versión a compañía puxo a súa propia interface de personalización, chamada COOLUI, que pouco máis é ca un pequeno lavado de cara que non introduce grandes cambios.

Batería

A batería é de 1800 mAh, unha capacidade que neste modelo abonda para rematar o día sen moito problema cando facemos un uso normal. Agora ben, se facemos un uso moi intenso do dispositivo (por exemplo xogando a Pokémon Go, que obriga a ter acesa a pantalla e a localización de maneira precisa constantemente) descende de maneira considerábel.

Conclusións

O CoolPad Torino S é un dispositivo que debemos ter moi en conta se andamos a mirar por un trebello por baixo dos 200 euros e, ademais, preocúpanos ter un teléfono fermoso á vez que servicial. Sorprendeunos gratamente o ben que move as aplicacións, a calidade da súa pantalla e, en xeral, o ben que funciona.

Podémolo mercar en tendas físicas, como as do grupo MediaMarkt, ou tamén a través de tendas online como Amazon.

Sobre o autor

Reply