Primeiras impresións coa tarifa gratuíta de FreedomPop

Nos tempos nos que as operadoras cobran por todo chegou ao noso país FreedomPop, unha compañía que racha con todas as normas preestablecidas e nos ofrece varias tarifas rompedoras, aínda que a máis destacada é a gratuíta, que inclúe 100 minutos en chamadas, 200 MB de datos, 300 SMS, ademais de uso ilimitado de WhatsApp e roaming de serie, sen pagar céntimo.

Tan xugosa oferta fixo que nos decidísemos a probala, polo que tan axiña como chegou oficialmente solicitamos unha tarxeta SIM, que levamos usando varios días. Se queres saber como nos foi con ela, non perdas esta análise.

O proceso de contratación

Facerse de Freedompop é tan sinxelo como seguir os pasos na súa páxina web. A compañía ofrécenos diversos plans para contratar inicialmente, aínda que no noso caso seleccionamos o básico, porque de comezo non queremos un plan de pago.

freedompop - 1

A partir dese momento a contratación é como cando queres mercar un billete de Ryanair: téntante vender cousas extra que supoñan á compañía uns ingresos mensuais, polo que recomendamos ler todo con coidado para evitar cargos que nos collan por sorpresa.

O primeiro que rexeitamos foi un servizo que nos permite acumular os datos que non empregamos, para poder usar durante os meses seguintes ou trasladarllos a algún contacto. Debemos clicar “Non grazas, continuar sen esta oferta” se non queremos que isto supoña 1,99 €/mes.

freedompop - 2

Ao chegar ao final do proceso de contratación veremos que do gratis total pasamos a un custe por activación da tarxeta SIM (9,99 €) e de envío (1,99 €), co que en total gastaremos 11,98 € por ter unha SIM de FreedomPop. Tamén se ofrece a posibilidade de contratar un “Buzón de Voz Visual” por 0,99 €, opción que vén premarcada e debemos desactivar se non queremos que se nos produzan cargos por este concepto.

Finalmente, FreedomPop trae activado de serie un servizo de recarga automática polo que nos cargará 5 € de saldo cando queden 50 MB para esgotar os datos. Este automatismo debemos desactivalo desde a nosa área persoal, unha vez que teñamos o servizo contratado.

A tarxeta SIM e a configuración inicial

A tarxeta SIM de FreedomPop chega por correo ordinario. Trátase do modelo de tarxeta polo que están a apostar a meirande parte das operadoras, que trae os tres cortes para podermos usar SIM, microSIM ou nanoSIM, de maneira que é compatíbel con calquera móbil.

A tarxeta vén activada de serie, e sen un código PIN establecido, polo que simplemente debemos introducila nun terminal e xa poderemos usala. Unicamente debemos configurar o APN indo a Axustes > Móbil > APN e configurar un novo APN con nome “Freedompop” e APN “freedompop.foggmobile.com”. Tamén debemos activar a itinerancia de datos para que poida usar varias redes, tanto dentro do Estado español como fóra del, posto que Freedompop non cobra por roaming en máis de 25 países.

Recomendamos facer toda a configuración co dispositivo conectado a unha WiFi para non comezar a gastar os datos de mala maneira, xa que para poder disfrutar das chamadas e dos sms estes deben ser cursados a través da aplicación da compañía, FreedomPop Messaging, que tras instalala autoconfigúrase cos datos da nosa conta.

Como dicimos, tanto as chamadas como os SMS deben cursarse a través dee FreedomPop Messaging, para que non nos supoñan gastos adicionais. Aquí é onde está outro dos trucos da compañía, xa que as chamadas son sobre IP, polo que a súa calidade dependerá en gran medida da cobertura que teñamos en cada momento.

A aplicación tamén serve para coñecer como van os nosos consumos, que se van descontando practicamente en tempo real, así como os días que nos quedan até que se nos volva reiniciar o contador.

Cobertura, rede e calidade no día a día

FreedomPop non ten 4G e a súa cobertura é, maioritariamente, a de Orange, aínda que dispón dun acordo con Movistar para dar servizo aló onde non chega Orange. Este sistema de usar máis dunha rede móbil ten varios aspectos positivos, e desde logo sería xenial se sempre tivésemos a mellor cobertura en cada momento, como fai Google Fi. Porén, con FreedomPop usaremos sempre a rede de Orange, aínda cando nun mesmo punto sexa claramente peor, agás que esta non teña cobertura, que saltaremos á de Movistar.

Esta peculiaridade fai que a nosa experiencia sexa diferente segundo onde nos atopemos e a calidade das chamadas varíe moito dunhas localizacións a outras

Portabilidades a FreedomPop

Polo de agora FreedomPop unicamente ofrece servizo de nova numeración, aínda que está previsto que cara finais de ano comecen a permitir portar números de outras compañías. Vendo como funciona, e polo menos no noso caso particular, tampouco temos claro se confiaríamos a nosa liña principal á compañía pola non dispoñibilidade total.

Conclusións

Logo de probar uns días FreedomPop a principal conclusión que tiramos é que se trata dunha alternativa máis ca interesante para aquelas usuarias que precisen ter unha segunda liña de datos que, ao tempo, permite chamar, aínda que non tanto como ferramenta para confiarlle a nosa liña principal.

Na tarifa gratuíta os excesos de datos tarifícanse, de termos saldo, a 1,5 cént/MB, polo que tendo en conta que admite roaming en máis de 25 países, pode ser unha alteranativa económica para conexións puntuais ao viaxar ao extrnaxeiro.

Se nos preguntan se recomendamos FreedomPop a resposta é que si, pero sendo conscientes de que estamos a contratar un servizo limitado ao que aínda lle quedan algúns aspectos para madurar. Quizais máis adiante sexa unha alternativa real a outras compañías, mais hoxe en día é un servizo adicional, que debemos considerar como tal.

No Responses

Deixa un Comentario