Samsung anuncia o Galaxy Note7

O Samsung Galaxy Note7 xa é oficial. O sexto dispositivo con S-Pen da compañía (pasamos do Note 5 ao Note7 para igualar o percorrido da saga S) vén de ser anunciado, dando a coñecer todos os detalles que faltaban por descubrir dun terminal que xa fora filtrado en varias imaxes hai xa unhas semanas.

galaxy-note7_video

Externamente, o Note7 ten un deseño moi semellante ao do Samsung Galaxy S7 Edge, aínda que ollando con algo máis de xeito apreciamos as diferenzas, como o espazo para o lapis S-Pen (un dos principais elementos diferenciadores desta saga) ou as novidades que trae este modelo: o escáner de iris e o conector USB Tipo C. Herda do S7 Edge a curvatura da pantalla, algo menos pronunciada, así como a resistencia á auga segundo os estándares IP68.

Especificacións técnicas

O Galaxy Note7 incorpora unha pantalla SuperAMOLED de 5,7 polgadas e resolución QuadHD (2560 x 1440, 518 ppp), curvada polos dous extremos e con protección Gorilla Glass 5. No seu interior integra un procesador Octa Core (catro a 2,3 GHz e outros catro a 1,6 GHz), con arquitectura de 64 bits e deseñado en 14 nanómetros, que está acompañado de 4 GB de memoria RAM e 64 GB de memoria interna que podemos ampliar mediante tarxetas microSD de até 256 GB.

01_Galaxy Note7_blue

No apartado multimedia, a cámara principal é de 12 megapíxeles, con OIS e unha apertura focal f/1.7, mentres que no caso do sensor frontal temos un modelo de 5 megapíxeles, tamén cunha apertura de f/1.7.

Dispón dunha batería de 3500 mAh de capacidade, con carga rápida por cable e tamén sen fíos. Ademais leva Bluetooth 4.2, USB tipo C, NFC e todo tipo de sensores (barómetro, sensor de pegada dixital, xiroscopio, xeomagnético, proximidade…)

Escáner de iris

Con todo, a gran novidade hardware que estrea este modelo é o escáner de iris, co que inauguramos un novo método de recoñecemento biométrico que se suma ao xa universal lector de pegadas dixitais.

note7 iris

Isto ten unha clara vantaxe de cara a temas de seguridade, xa non só pola facilidade para desbloquar o teléfono con tan só unha mirada, senón tamén de cara a facilitar os pagamentos móbiles que está a popularizar Samsung.

 

S-Pen mellorado

Unha característica da saga Note é a presenza do lapis S-Pen, que xa hai moitos anos que deixou de ser un stylus para abrir todo un abano de posibilidades. As sucesivas versións do terminal foron estreando tamén versións melloradas do S-Pen, e no Note7 esta evolución faise aínda máis notoria.

galaxy-note7_highlights_kv_lO máis chamativo é que as usuarias podemos tomar notas sen necesidade de desbloquear a pantalla usando a función Nota con Pantalla Apagada e fixando as anotacións no Always On Display. Ademais admite a posibilidade de crear e compartir animacións GIF e mesmo escribir coa pantalla mollada.

Gear VR 2016

Por outra banda, Samsung deu a coñecer un novo modelo dos seus lentes de realidade aumentada, as Gear VR 2016. O seu deseño cambia lixeiramente sobre o modelo precedente, tendo unhas dimensións de 207,8 x 122,5 x 98,6 mm e un peso de 345 gramos.

Gear VR_03

O seu campo de visión é de 101 graos, levan varios sensores (acelerómetro, xiroscopio e proximidade) e dispoñen de porto de conexión USB Tipo C (para o novo Note7) e tamén microUSB para o Galaxy S7, S7 Edge, Note 5, S6, S6 Edge e S6 Edge+)

Dispoñibilidade

O novo Samsung Galaxy Note7 estará dispoñíbel a partir do 2 de setembro en azul coral, prata e negro ónix, pero poderase facer a precompra desde o 16 de agosto. Quen aposte polas tendas online ou a web de Samsung recibirá como regalo as novas Gear VR 2016.

Deixa un Comentario