Oppo lanza novo terminal, o Oppo F1S

Este verán está sendo bastante atípico, no sentido de que está a haber máis presentacións de dispositivos do habitual. Un dos últimos lanzamentos é o do fabricante chinés Oppo, que vén de presentar o seu Oppo F1S, un dispositivo no que a compañía aposta forte pola cámara frontal.

O trebello é definido por Oppo como “experto en selfies”. Ademais de contar cun sensor sensor frontal de 16 megapíxeles cunha apertura de f/2.0, dispón de software específico para que ter os mellores resultados, destacando un modo beleza.

oppo f1s - 2

No que ten a ver co resto de especificacións, o F1S incorpora unha pantalla IPS de 5,5 polgadas con resolución HD (720 x 1280 pixeles, 267 ppp), acompañado por un procesador MediaTek MT6750, octacore con arquitectura de 64 bits, 3 GB de memoria RAM e 32 GB de memoria interna ampliábeis mediante microSD de até 128 GB.

Alén da cámara frontal de 16 megapíxeles da que xa falamos, dispón de cámara traseira, neste caso de 13 megapíxeles con apertura f/2.2 e flash LED. A batería é de 3075 mAh, ten dobre SIM, lector de pegadas dixitais, e Android 6.0 Marshmallow aderezado coa interface Color OS 3.0.

oppo f1s - 3

O novo Oppo F1S estará dispoñíbel en tres cores (dourado, rosa dourado e gris) a partir do 14 de agosto por 275 dólares, un prezo moi axustado para as súas prestacións.

Deixa un Comentario