Vodafone rebaixa o prezo do roaming en prepago

Unha das características máis destacadas das tarifas de contrato de Vodafone é que inclúen roaming gratis en Europa e Estados Unidos, o que nos permite viaxar e empregar o noso móbil disfrutando de todas as vantaxes da nosa tarifa sen pagar un céntimo máis. Porén, esta opción non está dispoñíbel para as usuarias de cartón prepago, aínda que Vodafone ofrece unha tarifa diaria de roaming como alternativa ás tarifas por defecto reguladas.

Até o de agora, a tarifa diaria de roaming prepago ofrecía as usuarias 20 minutos, 20 MB e 20 sms por día de uso por 4,84 €, un prezo desproporcionado que agora vén de ser actualizado a 2,90 €/día de uso. Aplícase nas viaxes aos países da Unión Europea, Estados Unidos, Suíza, Albania e Turquía.

Malia esta rebaixa, a tarifa segue a ter un prezo excesivo para o que inclúe, e neste senso segue compensando a opción de Orange, que co plan Go Europe permite (en prepago ou contrato) 100 MB de navegación e/ou 60 minutos de voz por 1 €/día de uso. Pode aplicarse tanto nos países da Unión Europea como en Islandia, Liechtenstein e Noruega, polo que a única vantaxe da opción prepago de Vodafone sobre a de Orange é os países incluídos fóra da UE.

Semella claro que Vodafone pretende incentivar a migración das usuarias de cartón prepago a tarifas de contrato, onde en temas de roaming a operadora non ten competencia.

Deixa un Comentario