Probamos Samsung Pay, o sistema de pagos móbiles de Samsung

Os pagos móbiles son unha realidade no noso país desde hai uns meses e son varias as fórmulas que temos para facelos: desde apps de operadoras, como Vodafone Wallet, ás das propias entidadades bancarias (Santander, BBVA, CaixaBank…) ou outras alternativas de fabricantes, nomeadamente Samsung Pay, que vimos de probar.

Para usar Samsung Pay o primeiro que temos que facer é ter un terminal compatíbel (Samsung Galaxy Note7, Galaxy S7 / S7 Edge, Galaxy S6 / S6 Edge / S6 Edge+ ou Galaxy A5 (2015) e un banco que teña acordo co fabricante, polo de agora Caixabank / ImaginBank e Abanca, mais proximamente sumarase o Banco Sabadell e outras entidades.

Se cumprimos estes requerimentos xa podemos configurar a nosa conta de Samsung Pay. Facelo é tan sinxelo como abrir a aplicación e “engadir tarxeta”, unha acción que nos permite virtualizar a tarxeta bancaria ou introducir os datos manualmente. E isto é todo: desde ese momento xa poderemos usar o noso Samsung como modo de pago en todas as tendas con TPVs adaptados aos pagos contactless, que son a práctica totalidade e adoitan vir identificados co seguinte símbolo:

contactless

Como facer un pagamento usando Samsung Pay

Ao ter configurado Samsung Pay no noso móbil compatíbel poderemos despregar o noso tarxeteiro virtual deslizando a pantalla cara arriba, mesmo partindo de estar o teléfono bloqueado. Os pasos que debemos seguir son os seguintes:

1.- Abrir o tarxeteiro. Veremos a nosa tarxeta (ou seleccionaremos unha para facer o pago se temos configuradas varias).

2.-Identificarémonos coa pegada dixital de maneira que se activa o modo de pago, que identificamos porque aparecen unha especie de “ondas” na parte superior, que será a que debemos aproximar ao TPV.

Samsung Pay - 2

3.- Aproximamos o móbil ao TPV e efectúase o pago. No caso de ser unha compra inferior a 20 € o pago faise automaticamente, mentres que se é un importe igual ou superior debemos introducir o PIN da tarxeta no TPV.

Sinxelo, non?

Seguridade en Samsung Pay

Samsung Pay é un dos sistemas de pago móbil máis seguros que existen, xa que se ocupa de tres capas diferentes de seguridade.

  1. Todos os pagos, con independencia da cantidade que sexa, poden facerse logo de terse identificado mediante a pegada dixital ou, no seu caso, un PIN de aplicación de pago.
  2. Por outro lado, a tarxeta está protexida mediante a plataforma KNOX de Samsung, un dos sistemas máis seguros, que protexe o terminal antes de iniciar o sistema operativo. Polo tanto, a nosa tarxeta está segura aínda que nos rouben o móbil, e xera un número virtual diferente ao da tarxeta real para non ter que compartilo co establecemento.
  3. Xa por último, os datos manéxanse mediante tokenización, polo que aínda que se intercepten estes datos non é posíbel extraer información útil a partir deles.

Samsung Pay é, polo tanto, un sistema de pago cómodo e seguro, que ademais funciona sen termos cobertura, convertendo así ao noso móbil no sustituto perfecto da carteira. Porén, cremos que é preciso e urxente que Samsung habilite acordos con outros bancos se quere que o seu sistema de pagos cale na sociedade e non quede nunha simple anécdota.

Sobre o autor

No Responses

Reply