Holofone Phablet: Android, Windows e picoproxector con 7 polgadas

Hai xa bastante tempo Samsung sorprendeu ao mundo co Samsung Galaxy Beam, un dispositivo de gama media que incluía un picoproxector, convertindo o teléfono nunha potente ferramenta para aquelas persoas que, sobre todo no mundo dos negocios ou formación, tiñan que moverse facendo presentacións. Logo dese modelo, chegaron outros de diversos fabricantes, sen facer moito ruído nin ser unha auténtica revolución.

Desde a China chega agora o Holofone Phablet, un dispositivo do fabricante Akyumen, que combina proxector, Android e Windows 10 nun trebello con pantalla de 7 polgadas.

holofone phablet - 3

Das súas especificacións destaca, ademais da pantalla de 7 polgadas, a presenza dun procesador Intel Cherry Z8300, 4 GB de memoria RAM e 128 GB de memoria interna. As cámaras son de 13 e 5 megapíxeles e a batería de 2910 mAh, que a todas luces resulta escasísima para poder sacar uso ás súas posibilidades.

Sobre o picoproxector, que ocupa a parte traseira provocando unha importante protuberancia, pouco máis sabemos, ademais de que ten 32 lúmenes e permite proxectar unha pantalla de até 100 polgadas. En canto a sistemas operativos, dispón de dual bot, polo que as usuarias poden optar por empregar Android 5.0 (lollipop) ou Windows 10.

holofone phablet - 2

O Holofone Phablet xa se pode pre-reservar na web do fabricante por 750 dólares (uns 670 euros co cambio actual). Ademais, ofértase un pack avanzado no que se inclúen varios accesorios, como unha base, un altofalante Bluetooth e un stylus. Este último custa 950 dólares (uns 850 euros).

Deixa un Comentario