Un home “percorre” Reino Unido nunha bici estática coa axuda de Street View e unhas Gear VR

Non descubrimos nada novo se dicimos que con Street View, o servizo de Google Maps, podemos “viaxar” a outro lugar do mundo e percorrer as rúas (case) como se estivésemos aló. Se a isto sumamos as posibilidades duns lentes de realidade virtual e un pouco de imaxinación conseguimos ideas como a que plantexou Aaron Puzey.

Este programador do Reino Unido propúxose percorrer a illa británica de sur a norte en bicicleta, pero non nunha calquera: nunha bici estática sen saír do salón da súa casa. Para levalo á práctica tivo que montar un sistema que aúna, ademais da propia bici, uns lentes Samsung Gear VR e Street View. Deste modo, cada vez que Aaron pedalea na súa bici estática avanza como se o fixera nunha bici de estrada, polo que as súas sesións de exercicio volvéronse máis amenas.

A aplicación, desenvolta en Unity, está baseada nun proxecto de Github e na API de Google Maps, aínda que o proceso non estivo exento de problemas, a maior parte relacionadas coa compresión de imaxes en Street View e o renderizado en Unity, que solucionou bastante ben cargando toda a ruta antes de comezar a sesión. No seguinte vídeo pódese ver unha introdución e o vídeo da primeira sesión: a viaxe comeza no minuto 2:20, máis ou menos.

Aaron ten unha páxina web na que explica os detalles técnicos deste proxecto, mais tamén onde vai colgando “fotos” que vai sacando do que vai atopando na ruta. Será este o futuro dos entrenamentos deportivos?

Deixa un Comentario