Fíltrase o Samsung Z2 con Tizen nun vídeo

Samsung está preparando un novo membro da familia Tizen, o Samsung Z2, un dispositivo que chega para acompañar aos xa lanzados Samsung Z1 e Samsung Z3. O novo trebello, no que apostan polo sistema operativo propio, vén de ser filtrado nun vídeo promocional que desvela moitas das súas especificacións e deseño.

O Samsung Z2 é un dispositivo de poucas pretensións. Incorpora unha pequena pantalla de 3,97 polgadas con resolución WVGA (800 x 480 píxeles). No seu interior atopámonos cun procesador de catro núcleos a 1,5 GHz de frecuencia, conectividade 4G e sistema de ultra aforro de enerxía.

En canto ás cámaras, a principal é un modelo de 5 megapíxeles que conta con varios modos, entre eles autoselfie e beleza, mentres que a frontal é unha modesta cámara tipo VGA.

En canto a sistema operativo, como xa dixemos conta con Tizen, na súa versión 2.4. Ten unha interface que lembra en boa medida á capa TouchWiz que emprega Samsung nos seus Android e incorpora de serie aplicacións como WhatsApp, Facebook e My Money Transfer.

O Samsung Z2 non está dirixido ao mercado europeo, senón máis ben a países como Sri Lanka, Nepal, Blangladesh, Nixeria, Sudáfrica e Indonesia, onde este tipo de dispositivos funcionan bastante ben.

Deixa un Comentario