UMi Max: un potente e económico terminal que aúna pezas de todos os fabricantes

A estas alturas xa non nos sorprende atoparnos terminais que conxugan boas prestacións a prezos ultrabaixos. O UMi Max, do que hoxe queremos falarvos, é un bo exemplo diso, pois en 169,99 dólares (uns 150 €) xunta especificacións de altura e un deseño que non nos deixará indiferentes.

O trebello autodenomínase a “resposta ao Samsung Galaxy Note7” e presume de incorporar compoñentes fabricados por importantes marcas como Samsung (RAM), Sony (batería), Sharp (pantalla) ou Panasonic (cámara), entre outros.

Especificacións técnicas

O UMi Max incorpora unha pantalla IPS de 5,5 polgadas con resolución Full HD (1920 x 1080 píxeles), curvatura 2.5D e protección Corning Gorilla Glass 3. No seu interior atopamos un procesador MediaTek Helio P10 (MT6755), de oito núcleos, e procesador gráfico Mali-T860, xunto 3 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria interna ampliábeis mediante tarxetas microSD de até 256 GB.

umi max - 2

A cámara principal é un sensor Panasonic de 13 megapíxeles, mentres que a frontal fica nuns máis discretos 5 Mpx. Dispón de son Hi-Fi de alta calidade, lector de pegadas dixitais cunha velocidade de desbloqueo entre 0,1 e 0,3 segundos, batería de 4000 mAh e USB Tipo C.

Prezo e dispoñibilidade

O UMi Max está dispoñíbel en dúas cores, gris ou dourado, por 169,99 dólares, aínda que como promoción de lanzamento pode adquirirse por 139,99 dólares (uns 125 euros) durante tempo limitado nesta ligazon.

Deixa un Comentario