LG apostou forte co LG G5, un dispositivo que hoxe traemos para analizar. O fabricante surcoreano quixo marcar un antes e un despois no seu terminal referencial introducindo o concepto de modularidade, que se ben non está a funcionar comercialmente na maneira que desexarían, non quita que sexa unha das mellores opcións que nos atopamos no mercado actualmente.
Deseño, acabado e conexións
Malia que a grandes rasgos a curvatura xeral do trebello lembre que estamos ante un modelo de LG, o G5 rompe moldes coa continuidade e os cambios sobre os modelos anteriores son máis ca evidentes. O principal atopámolo na inclusión dos botóns de subir e baixar volume, que deixan de estar na parte traseira do terminal, onde estaban desde o LG G2, para pasar ao lateral esquerdo.
Non acontece o mesmo co botón de acendido, que perdura na parte traseira do terminal, servindo ademais como lector de pegadas dixitais. Xunto a el, a cámara de dobre sensor, co seu flash LED e láser para o enfoque. Na parte superior temos o jack de 3.5 mm e o sensor de infravermellos, e na inferior o porto USB Tipo C, xunto o altofalante principal. A bandexa extraíbel, para a nanoSIM e a microSD, témola no lateral dereito.
As formas redondeadas en todos os bordes do terminal fan que sexa moi suave no tacto, cunha estética unibody e acabados metálicos, deixando atrás o coiro e outras solucións que vimos no LG G4 do ano pasado.
Hardware e rendemento
As especificacións técnicas do LG G5 son as dun modelo de alta gama. Leva un procesador Qualcomm Snapdragon 820, acompañado por 4 GB de memoria RAM e 32 GB de memoria interna, que podemos ampliar mediante tarxetas microSD de até 2 TB. Dispón de todo tipo de sensores e conectividade 4G Cat 9, WiFi AC, Blueooth 4.2, NFC, sensor de infravermellos, lector de pegada dixital e USB Tipo C.
Con estas prestacións o dispositivo é capaz de mover todo tipo de aplicacións, desde as máis sinxelas a aquelas máis exixentes, sen ningún tipo de problemas ou relentizacións, tendo un rendemento de dez que sorbrepasou de longo as nosas espectativas iniciais.
Pantalla
Malia a tendencia de moitos fabricante a subir o tamaño de pantalla nos seus buques insignia, incluíndo a LG, desta vez o fabricante sucoreano decidiu apostar por un modelo IPS Quantum Display de 5,3 polgadas, cunha resolución de 2560 x 1444 píxeles (554 ppp). Ten un ratio do 70% respecto a todo o frontal e unha (curiosa) curvatura na parte superior que senta moi ben ao tacto e redondea o trebello.
As cores que consegue son moi vivas, algo no que inflúe moito o uso da tecnoloxía Quantum Display. Tamén ten un brillo que permite empregar o terminal en exteriores sen problema, aínda que neste caso ten certa intensidade que pode resultar algo molesta se estamos moito tempo mirando para ela.
Vén con sistema Always On, co que podemos ter sempre unha zona da pantalla acesa achegándonos información como a hora ou as notificacións pendentes, que se ben son de moita utilidade e evitan ter que andar acendendo a pantalla de cada vez para ver se temos algo, tamén inflúen no consumo da batería.
Cámara
Falemos da cámara, onde LG apostou por un modelo de dobre lente para a traseira. O sensor principal é de 16 megapíxeles, cunha apertura focal de f/1.8, mentres que o sensor secundario é de 8 megapíxeles e ten unha apertura de f/2.4. Esta combinación permítenos sacar fotos en gran angular (135 graos), isto é, podemos captar imaxes máis anchas nunha soa captura e evitando procesados da panorámica, como podedes ver nas mostras.
A cámara funciona de marabilla en practicamente calquera situación, incluso polas noites e empregando os diferentes modos, dando sempre uns resultados son moi realistas. O enfoque é rapidísimo, grazas ao sistema láser que integra, o que nos permite non perder ningunha captura. No caso da cámara frontal atopámonos cun sensor de 8 megapíxeles e apertura focal f/2.0, que tamén ofrece uns bos resultados, como cabería agardar dun modelo destas características.
En canto a vídeo, pode gravar contido a 4K. Ademais, ao contar co sistema IOS de estabilización de imaxe redúcense notabelmente os tremores típicos de soster o móbil coa man mentres gravamos.
No noso perfil de Flickr pódese ver unha selección de imaxes tomadas co LG G5 en diferentes situacións.
Batería
A batería sitúase nos 2800 mAh, unha capacidade que para o noso gusto queda algo xusta, aínda que nunha situación normal permite acabar o día sen problemas. Integra o sistema de carga rápida Quick Charge 3.0, o que palía este problema, xa que en poucos minutos pode dárlle ao terminal un chute extra de enerxía que nos permita sobrevivir unhas cantas horas máis.
Ademais, a batería é un módulo extraíbel, polo que podemos sacala e intercambiala por outra. Non é algo ao que esteamos afeitas nestes días, sobre todo logo de que se tiveran popularizado os powerbanks, pero segue a ser algo que certas usuarias demandan.
Software
En canto a software, vén con Android 6.0 e a interface LG UX, que incorpora novas funcionalidades para sacarlle máis uso a un dispositivo de grandes dimensións. Vai ser actualizado a próximas versións, nomeadamente a Android 7.0 Nougat, e se nos fixamos no acontecido co LG G4 case poderíamos asegurar que será dos primeiros modelos en facelo.
Modularidade
A maior particularidade do LG G5 fronte calquera dispositivo da competencia é a súa modularidade. Malia ter unha estética unibody, a parte inferior do dispositivo desmóntase para poder integrarlle módulos (ou Friends), que se resumen nun sistema de audio firmado por Bang & Olufsen ou unha batería extra con controis de cámara, que convirte o noso teléfono nunha compacta.
Como idea do que pode dar de si este sistema nun futuro amosámonos moi optimistas, aínda que na práctica non é algo ao que se lle dea moito uso no día a día. Por poñer un exemplo, no noso caso probamos o dispositivo xunto os lentes de realidade virtual, que sendo uns LG Friends non son parte desta modulación, xa que se conectan ao USB, polo que unicamente abrimos a parte modular para probar como funcionaba.
Conclusións
O LG G5 é un dos mellores terminais que temos hoxe en día no mercado, sen ningún tipo de dúbidas, e como idea futura do que poden ser os smartphones é unha marabilla. LG leva anos demostrándonos que é capaz de facer todo tipo de dispositivos, pero que logo non acaban de funcionar comercialmente, co que acaba parecendo que a compañía ten nos seus buques insignia unha fábrica de experimentos.
O terminal é unha compra con garantía de que nos facemos cun bo produto, e podémolo adquirir nalgunhas tendas como Amazon por 460 euros, un prezo moi axustado para as súas prestacións.