Por fin chega a Europa o Honor 8

Honor, a marca alternativa de Huawei, segue colleitando cifras de éxito, pasando dos apenas 100 millóns de dólares recadados en 2013 aos máis de 40.000 do 2015, o que demostra que apostar pola venda exclusivamente on-line pode non ser tan mala opción. Estas cifras débense, en boa medida, a contar cun portfolio de terminais moi interesantes e a bo prezo, que foron abrindo paso ao Honor 8, que malia ter sido presentado no mes de xullo non foi até o de agora cando, ao fin, chega a Europa de maneira oficial.

O trebello é unha nova aposta pola relación calidade – prezo, incorporando unha pantalla de 5,2 polgadas Full HD (1920 x 1080 píxeles). O seu procesador é un Kirin 950, o mesmo que Huawei integrou no seu Huawei Mate 8, e ten oito núcleos, dos cales catro traballan a 2,3 Ghz e outros catro a 1,8 GHz. Dispón de 4 GB de memoria RAM e 32 ou 64 GB de memoria interna, ampliábeis mediante tarxetas microSD de até 128 GB.

A cámara principal é de 12 megapíxeles e vén con dobre lente. Isto permitiranos sacar fotos con moita máis profundidade e efectos profesionais, como enfoques selectivos ou desenfoques. Por outro lado, a cámara frontal conta cun sensor de 8 megapíxeles.

honor 8 - 1

O dispositivo inclúe ademais lector de pegadas dixitais, porto USB Tipo C e unha batería de 3000 mAh de capacidade, con sistema de carga rápida. En canto a software, o Honor 8 vén con Android 6.0.1 Marshmallow, coa capa de personalización EMUI 4.1, e o máis probábel é que reciba non en moito tempo Android 7 – Nougat.

O Honor 8 xa se pode mercar na tenda oficial da compañía, vmall.eu, onde está dispoñíbel en catro cores (azul zafiro, branco perla, negro ou dourado), polo de agora unicamente na versión de 32 GB por 399 euros, aínda que en breve chegará o modelo de 54 GB, que custa 449 €. Co envío gratuíto express terémolo na nosa casa en 1 – 2 días.

Sobre o autor

No Responses

Reply