Primeiras impresións do Samsung Galaxy Note7

Onte puidemos botarlle un ollo ao novo Samsung Galaxy Note7, o último trebello do fabricante surcoreano, un dispositivo que non só incorpora un potente hardware senón que tamén está cheo de funcionalidades que fan del, en conxunto, un modelo que se aproxima á perfección.

samsung galaxy note7 - 4

Especificacións técnicas

O Samsung Galaxy Note7 incorpora unha pantalla de 5,7 polgadas e calidade QuadHD (2560 x 1440 píxeles, 518 ppp), con acabados curvados cara ambos lados (Dual Edge), o que fai que nos lembre ao Galaxy S7 Edge. Porén, a diferenza deste, a curvatura non é tan pronunciada.

No seu interior atopámonos un procesador de oito núcleos (catro a 2,3 GHz, catro a 1,6 GHz) e 64 bits fabricado en 14 nm, xunto con 4 GB de memoria RAM e 64 GB de memoria interna, ampliábeis mediante tarxetas microSD de até 256 GB.

samsung galaxy note7 - 2

A cámara principal é a mesma que puidemos ver nos S7 e S7 Edge, un modelo dual pixel de 12 megapíxeles, con estabilizador óptico OIS e unha apertura de f/1.7. O modelo frontal, que tamén ten unha apertura de f/1.7, é de 4 megapíxeles.

Incorpora unha batería de 3500 mAh, con carga rápida e sen fíos, NFC, lector de pegadas dixitais, escánaer de iris, LTE Cat 12 e resistencia a auga e ao pó segundo o estándar IP68, que garante o seu funcionamento a 1,5 metros de profundidade durante 30 minutos.

samsung galaxy note7 - 7

S-Pen mellorado

Unha das señas de identidade da serie Note é a presenza do seu peculiar stylus, o S-Pen, que máis unha vez foi mellorado. Desta vez, ademais de ser máis fino cunha punta de 0,7 mm de grosor (como un Pilot máis ou menos) tamén resulta especialmente máis fluído, sen lag e cunha precisión de detección de 4096 níveis de presión (o dobre que no modelo anterior do Note).

samsung galaxy note7 - 6

Este S-Pen está ligado ao software propio de Samsung para o Note7, que unificou moitas cousas nunha soa aplicación, Samsung Notas. Algunha das cousas que máis nos sorprenderon foi o poder mixturar as cores ao usar os pinceis ou escribir na pantalla always on, mais sobre todo poder facelo debaixo da auga.

Tamén puidemos ver outros pequenos trucos de software ligados ao S-Pen, como a traducción de palabras, zoom de calquera cousa que vexamos en pantalla ou unha ferramenta para a creación de gifs, cousiñas que probaremos máis polo miúdo cando teñamos un terminal para analizar.

Seguridade

Outro aspecto polo que Samsung está a apostar en firme é pola seguridade. A gran novidade do Note7 é a integración do identificador por iris, facilmente configurábel e moito máis doado e rápido de usar que a pegada dixital, e que nos serve tanto para desbloquear o teléfono como, nun futuro próximo, para acceder a Samsung Pay.

Ademais disto, o Note7 tamén dispón dun cartafol seguro, que vai máis aló dun cartafol oculto, xa que o que fai é poñer as aplicacións ou documentos que teñamos dentro de forma totalmente independente. Isto permite, ademais de ter ficheiros seguros, empregar dúas aplicacións (podemos ter todo duplicado), ideal se temos que separar, por exemplo, unha zona persoal e outra laboral no mesmo móbil.

Accesorios

Xunto ao Note7 chegan os seus accesorios, destacando os novos lentes Gear VR 2016, máis lixeiros, cun maior grao de visión (aproximadamente 101 graos) e con máis espazo interior, pensando nas persoas que usan lentes no seu día a día.

samsung galaxy note7 - 3

Pero ademais do Gear VR temos tamén fundas para todos os gustos, ópticas para as amantes da fotografía ou usuarias máis profesionais e até un powerbank con forma de funda que nos achega unha carga extra de maneira máis ou menos discreta.

samsung galaxy note7 - 5

Dispoñibilidade

O novo Samsung Galaxy Note7 porase á venda o 7 de setembro por 859 euros, aínda que xa podemos facer a precompra por Internet na web de Samsung. Facéndoo antes do día 30 recibiremos de agasallo uns lentes Gear VR 2016.

Sobre o autor

No Responses

Reply