Asus anuncia o novo Zenwatch 3

Comeza o IFA de Berlín cos principais fabricantes amosando as súas últimas cartas para o que queda de ano. Con practicamente todos os teléfonos relevantes deste 2016 xa lanzados, é a quenda de actualizar os wearables, e Asus vén de presentar o novo Asus ZenWatch 3.

O novo smartwatch de Asus ten un coidado deseño, con pantalla circular e a presenza de tres botóns físicos. A esfera está fabricada en aceiro inoxidábel de 316L e ten un grosor de 10 mm, mentres que na correa apostaron por empregar coiro italiano.

Das súas especificacións destaca a presenza dunha pantalla AMOLED de 1,39 polgadas con resolución de 278 ppp, curvatura 2.5D e protección Corning Gorilla Glass. Dentro atopamos un procesador Qualcomm Snapdragon Wear 2100, especialmente deseñado paradispositivos wearables.

asus zenwatch 3 - 2

Dispón de sistema de carga rápida HyperCharge, que permite cargar o dispositivo nun 60% en tan só 15 minutos. A resistencia á auga e pó vén certificada pola protección IP67, polo que o reloxo non sufrirá se se molla ao andar con el pola rúa chovendo ou cando lavamos as mans.

En canto a software, ademais de contar con Android Wear o reloxo trae de serie 50 esferas que podemos empregar para personalizar o dispositivo. Iso si, sempre se poden buscar outras esferas na Play Store, como ocorre co resto de modelos Android Wear, ou crear unha propia a través do ZenWatch Manager de Asus.

O novo Asus ZenWatch 3 chega en tres cores (plateado, negro e rosa plateado) por 229 euros, e polo de agora non se anunciou cando se porá á venda.

No Responses

Deixa un Comentario