Asus ZenPad 3S 10, a nova tablet de gama alta de Asus

Asus reservou varias sorpresas para o IFA 2016. Se á mañá falámosvos do novo Asus ZenWatch 3, agora é a quenda de amosar a Asus ZenPad 3S 10, a súa nova tablet de gama alta e un deseño ultradelgado, que conta ademais cuns biseis mínimos, o que reduce a sensación de ter un trebello grande na man.

A nova ZenPad 3S 10 incorpora unha pantalla de 9,7 polgadas con resolución QXGA (2048 x 1536 píxeles) e tecnoloxía True2Life. No seu interior alberga un procesador MediaTek MT8176, de seis núcleos, xunto con 4 GB de memoria RAM e 32 GB de memoria interna, ampliábeis mediante microSD. A batería é de 5900 mAh, con sistema de carga ultrarrápida de Qualcomm, Quick Charge 3.0.

asus zenpad 3s 10 - 1

No apartado multimedia, conta cunha cámara principal de 8 megapíxeles con autofocus e gravación de vídeo en HD , mentres que a frontal é de 5 megapíxeles. Ademais, chama a atención a presenza de cinco altofalantes, que reforzan un son de calidade grazas ao uso de DTS Audio e Sonic Master technology.

Dispón de lector de pegadas dixitais e USB tipo C; como sistema operativo levará de serie Android 6.0 Marshmallow, aínda que previsibelmente actualizará a 7.0 Nougat nos próximos meses.

asus zenpad 3s 10 - 3

A nova Asus ZenPad 3S10 estará dispoñíbel nas próximas semanas por 379 €, un prezo bastante adaptado ás súas características e deseño. Que vos parece?

Sobre o autor

Reply