6 polgadas e 4100 mAh de batería: así é o novo Meizu M3 Max

Meizu, un dos fabricantes chineses hoxe en día en alza, vén de anunciar o seu novo trebello, o Meizu M3 Max, un dispositivo que destaca principalmente pola súa pantalla de 6 polgadas e a batería, que ten unha capacidade de 4100 mAh.

Cun deseño totalmente unibody e co metal como material protagonista na súa fabricación, o novo smartphone de Meizu leva un botón central frontal que tamén é lector de pegadas dixitais, que podemos empregar tanto desbloquear o dispositivo como para identificarnos en numerosas aplicacións.

meizu m3 max - 3

En canto a especificacións, o Meizu M3 Max leva unha pantalla IPS de 6 polgadas, con resolución 1920 x 1080 píxeles, un brillo de 450 nits e un contraste de 1000:1. No interior, dándolle vida ao dispositivo temos un procesador MediaTek Helio P10, de oito núcleos a 1,8 GHz, con GPU Mali T860, 3 GB de RAM e 64 GB de memoria interna ampliábeis por tarxetas microSD de até 128 GB.

Na cámara traseira apostaron por un sensor Sony IMX258 de 13 megapíxeles cunha apertura f/2.2, que segundo afirma o fabricante é capaz de enfocar un obxecto en apenas 0,2 grazas ao foco de detección de fase que posúe, mentres que no caso da cámara frontal temos un sensor de 5 megapíxeles e apertura f/2.0. A batería é de 4100 mAh, con sistema de carga rápida (carga o 45% da capacidade da batería en media hora) e o sistema operativo é Android 6.0 Marshmallow, aínda que coa personalización FlymeOS, habitual de Meizu.

meizu m3 max - 2

Pode empregarse con dúas tarxetas SIM a un tempo, aínda que isto require renunciar á tartexa microSD, pois o espazo da segunda  SIM é o mesmo que usaría unha microSD. Complementando as opcións de conectividade temos 4G VoLTE, WiFi 802.11 a/b/g/n (nas bandas de 2,4 e 5 GHz) e Bluetooth 4.1 LE.

De momento non está confirmado se o novo Meizu M3 Max sairá da China, onde se venderá en catro cores (dourado, prata, gris e rosa dourado) por uns 230 euros ao cambio.

Sobre o autor

Reply