R reforza wificlientesR con conexións de alta capacidade nas cidades

Desde que a operadora galega R lanzou o novo wificlientesR xa se comezou a falar da creación de puntos de acceso de alta capacidade, aínda que non foi até o de agora cando por fin se puxeron en marcha. En total son 50 os novos puntos de acceso de alta capacidade, que se suman aos preto de 110.000 puntos estándar, repartidos en routers de clientes e cabinas telefónicas por todas as vilas e cidades nas que R ten despregada a súa rede de fibra.

Estes novos puntos de acceso están situados en exteriores (rúas e prazas) nas que hai un importante movemento de persoas, e están preparados para ofrecer un servizo mellor, xa que teñen maior cobertura e soportan un maior volume de xente conectada ao mesmo tempo, cumprindo o que en R chaman “a regra dos tres 100”:

  • Até 100 metros de cobertura
  • Até 100 usuarias conectadas simultaneamente
  • Até 100 megas de velocidade de conexión

Estes 50 novos puntos están situados nas sete principais cidades, aínda que imaxinamos que de seguir habendo unha demanda crecente do servizo irase ampliando a novas localizacións. Son os seguintes:

  • Vigo: Príncipe, Porta do Sol, praza Industria, travesía de Vigo, praza da Independencia e Montero Ríos.
  • A Coruña: praza de Lugo, praza de Pontevedra, praza de Vigo, praza de España, Obelisco e Ramón y Cajal (Catro Camiños-El Corte Inglés).
  • Ourense: praza de Santa Eufemia, parque de San Lázaro, xardíns do Posío, praza da da Mariña, prazada da Estación tren e praza das Mercedes.
  • Lugo: praza Maior, praza de santo Domingo, praza do Campo Castelo, parque da Milagrosa e rúa Raíña.
  • Santiago: praza de Galicia, praza Roxa, parque de Ramírez, rúa da Rosa e General Pardiñas.
  • Pontevedra: xardíns de Vicenti, praza de España, praza da Verdura, praza de San Xosé, glorieta da Avenida Compostela e Benito Corbal.
  • Ferrol: Cantón de Molíns, o Inferniño, Ultramar, praza de España e praza de Armas.

Actualmente usan wificlientesR máis de 160.000 usuarias, que cursan máis de 3 TB de tráfico diario a través da rede WiFi máis grande do noso país.

No Responses

Deixa un Comentario