LG anuncia o LG V20, o primeiro terminal con Android 7.0 Nougat

LG vén de anunciar o seu segundo terminal referencial do ano tras o LG G5. Trátase do LG V20, un dispositivo que vimos en reiteradas ocasións grazas ás numerosas filtracións que se levan producindo nos últimos meses, e que repite as características que fixeron especial ao seu predecesor, o LG V10.

En canto ao deseño, o LG V20 garda moitas semellanzas co LG G5, tamén nos materiais, onde eliminaron a tapa traseira de plástico que caracterizou o V10 para pasar ao metal (aluminio). Na parte traseira temos o lector de pegadas dixitais, mentres que os controis de volume pasan a situarse no lateral.

Do LG V10 herda a dobre pantalla, servindo o segundo panel de barra de notificacións ampliada, acceso directo a aplicacións ou para certos controis adicionais nalgunhas aplicacións. A pantalla principal é de 5,7 polgadas con resolución 2.560 x 1.440 píxeles mentres que a secundaria  é de 2,1 polgadas (160 x 1040 píxeles).

lg-v20-3

O novo dispositivo de LG tamén aposta por unha cámara dual, é dicir, con dobre lente para conseguir mellores fotografías. Os sensores son de 16 megapíxeles con apertura f/1.8, e a outra de 8 megapíxeles con apertura f/2.4 con gran angular. En canto á cámara frontal destacamos o sensor de 5 megapíxeles con apertura f/1.9, tamén gran angular.

No que ten a ver co resto de especificacións, o LG V20 incorpora un procesador Qualcomm Snapdragon 820, xunto 4 GB de memoria RAM, 64 GB de memoria interna ampliábeis mediante tarxetas microSD de até 2 TB de capacidade. A batería é de 3200 mAh de capacidade e dispón de funcionalidades de carga rápida. Ademáis, neste punto mantén a modularidade do LG G5 e a batería segue sendo extraíbel.

En canto a son, tal e como preanunciara LG, o LG V20 vén cun chip Quad DAC de 32 bits, co que teremos unha experiencia de son moito máis positiva, aínda que para poder disfrutar del haberá que ter uns auriculares de calidade.

lg-v20-2

O dispositivo vén de serie con Android 7.0 Nougat, co que se convirte no primeiro dispositivo en contar con esta versión de maneira oficial, chegando antes que os propios modelos  Pixel de Google, previstos para comezos de outubro.

No Responses

Deixa un Comentario