Orange “acelerará” o ADSL cun router híbrido 4G onde non chega coa fibra

Sempre é de agradecer que as empresas de telecomunicacións traballen a diario para dar alternativas ás súas clientas e ofrecerlle a mellor conexión posíbel e sendo beneficioso para a empresa, claro está.

Entra dentro da lóxica empresarial a imposibilidade de chegar a todas as casas cunha conexión de fibra óptica, hoxe por hoxe a mellor alternativa para as comunicacións fixas, mais empresas como Orange están a traballar noutras opcións, e unha delas é o 4G, cuxo custe de despregamento é menor e moito máis doado.

router-hibridro-orange

No marco do Encontro de Telecos que se está a celebrar estes días en Santander, Orange anunciou que vai ofrecer ás súas clientas a posibilidade de conectarse a unha rede ADSL e a unha rede 4G, sumándose ambas conexións para chegar a velocidades próximas á fibra óptica, uns 100 megas.

Isto farase a través dun router que polo de agora estáen fase de probas, e que se conecta por defecto á rede ADSL. Cando as exixencias da usuaria aumentan tirará tamén da rede 4G sen que teñamos que facer ningún axuste no router ou mudar de rede, conseguindo así maiores velocidades para unha experiencia  superior.

A empresa quere comezar a ofrecer este novo servizo antes de finais de ano, e polo de agora non se deron máis detalles sobre a oferta comercial que acompañará este lanzamento.

Recentemente foi a galega R a que puxo en marcha un proxecto en probas, o proxecto BATS, aínda que neste caso a combinación é de ADSL + móbil + satélite.

Sobre o autor

No Responses

Reply