Apple anuncia os novos iPhone 7, Apple Watch e Airpods

Onte á tarde Apple anunciou o agardado iPhone 7, que chegou en dúas versións (iPhone 7 / iPhone 7 Plus), xunto cunha revisión do seu reloxo, o Apple Watch 2, e os novos Airpods

iPhone 7 / iPhone 7 Plus

O deseño dos novos iPhone é bastante conservador, aínda que reducen os marxes baleiros. Na parte traseira a cámara sobresae un chis do corpo do móbil, e todo o conxunto é resistente á auga e pó segundo o estándar IP67, que se ben non é tan avanzado como o que inclúen outros dispositivos, serve para pequenos chapuzóns.

iphone-7-1

A pantalla é un panel Retina HD de 4,7 polgadas (5,5 polgadas no iPhone7 Plus) e o procesador é un modelo A10 Fusion, de catro núcleos, aínda que tan só dous deles son de alto rendemento (arredor dun 40% máis rápidos ca os do A9), pero só se activan cando é preciso ter máis potencia (por exemplo, cos xogos), aforrando así batería. Complementan as especificacións unha memoria RAM de 2 GB, 2090 mAh de batería e lector de pegadas dixitais.

iphone-7-2

Malia todo, un dos aspectos máis destacados é o da cámara. Todos os modelos contan con estabilizador óptico de imaxe e flash de 4 LEDs, que emiten un 50% máis de luz. Ademais, na versión “Plus” temos unha cámara dual, con dous obxectivos de 12 megapíxeles que permiten facer zoom óptico. A cámara frontal é en todos os casos de 7 megapíxeles.

Como era previsíbel, Apple segue fuxindo dos conectores estándar e aposta novamente polo seu Lightning propietario, que ademais de servir para cargar ou transferir datos tamén é o conector de audio, pois prescinde do jack de audio, aínda que inclúe na caixa un adaptador de Lighning a Jack 3.5 para que poidamos seguir usando os auriculares que teñamos pola casa.

Os novos iPhone chegarán ao noso país o próximo 16 de setembro coa seguinte relación de prezos:

  • iPhone 7 (32 GB): 769 €
  • iPhone 7 (128 GB): 879 €
  • iPhone 7 (256 GB): 989 €
  • iPhone 7 Plus (32 GB): 909 €
  • iPhone 7 Plus (128 GB): 1019 €

Apple Watch Series 2

Xunto os novos iPhone tamén chegou unha nova versión do Apple Watch, a Series 2, que en canto a especificacións destaca pola presenza de GPS integrado e resistencia á auga, mentres que por materiais sorprende o uso da cerámica no canto do aceiro, e aseguran que é até catro veces máis resistente.

apple-watch-2-1

Mais estas non son as únicas novidades do reloxo de Apple, que tamén mellora o procesador e inclúe acelerómetro, co fin de mellorar a práctica deportiva. De feito, hai unha versión Nike+, que se diferencia principalmente pola correa, que facilita a ventilación.

apple-watch-2-2

O Apple Watch Series 2 venderase a partir do 16 de setembro no noso país nun PVP que comeza nos 339 € para a versión máis básica.

Auriculares Airpod

Prescindir do jack de audio ten un problema engadido: non poder usar un cargador e uns auriculares con cabo. Por iso Apple aposta polos modelos Bluetooth e presentou os auriculares Airpod, que se emparellan de xeito sinxelo e teñen unha autonomía aproximada de 5 horas.

apple-airpods

Como curiosidade, a caixa na que se gardan tamén serve de cargador. Custarán 159 euros.

Deixa un Comentario