Analizamos o Vodafone Smart Platinum 7

Unha operadora do tamaño de Vodafone pode permitirse o luxo de comercializar dispositivos baixo a súa propia marca, e semella que esta aposta é clara na operadora británica. Vodafone anunciou hai uns meses a renovación dos seus dispositivos de marca branca, entre os que atopamos o Vodafone Smart Platinum 7 que hoxe analizamos.

Trátase en realidade do Alcatel Idol 4S, aínda que non atopamos rastro do fabricante, posto que o modelo comercializado por Vodafone está totalmente personalizado para a compañía, comezando polo propio packaging. Tamén animación de inicio amosa o logo da operadora, e cando o acendemos vemos que trae preinstaladas as apps que melloran a experiencia de cliente con Vodafone. Vexámolo máis polo miúdo.

Deseño, acabado e conexións

O dispositivo é un terminal grandeciño, cunhas dimensións de 154 x 75,7 x 7 mm, pois alberga unha pantalla de 5,5 polgadas, mais iso non fai que sexa especialmente pesado, con apenas 155 gramos, o que sitúa entre os máis lixeiros do seu tamaño.

vodafone-3

No lateral dereito temos o botón de acendido e os controis de volume, e no lado oposto a bandexa para a tarxeta SIM xunto cun botón adiado á cámara. Na parte superior sitúase o jack 3.5 de audio e por debaixo o conector microUSB para carga e transferencia de datos. Inclúe lector de pegadas dixitais, situado na parte traseira, nunha posición moi próxima á cámara, que tamén dispón de flash LED.

vodafone-4

Polo demais, trátase dun dispositivo unibody que non permite retirar a batería e co cristal como material predominante, xa que o atopamos tanto na parte frontal como na posterior, dándolle un aspecto moi elegante ao trebello.

Hardware e rendemento

O Smart Platinum 7 é unha aposta de gama alta, tamén no seu hardware. Está equipado cun procesador Qualcomm Snapdragon 652, de oito núcleos (catro a 1,8 GHz e outros catro a 1,2 GHz), acompañado de 3 GB de memoria RAM e 32 GB de memoria interna, ampliábeis mediante tarxetas microSD de até 256 GB.

Malia que numericamente o dispositivo conta cunhas especificacións algo inferiores aos gama alta deste ano, o certo é que as súas características técnicas resolven moi ben todo tipo de peticións. En ningún momento sentimos falta de potencia empregando o dispositivo.

Pantalla

A pantalla é un panel Super AMOLED de 5,5 polgadas con resolución QHD (1440 x 2560 píxeles, 534 ppp), o que se traduce nunha calidade que xa coñecemos dos modelos de Samsung, no que as cores cobran vida e podemos axustar a temperatura de cor manualmente, se así o desexamos.

Compórtase moi ben en exteriores, adaptándose rapidamente aos cambios de luz para que poidamos ler sen problema, mesmo cando temos incidencia directa do Sol.

Por último, a inclusión do lector de pegadas dixitais permítenos activar a pantalla con tan só poñer o dedo nel, o que reduce o uso de botón de acendido ao mínimo uso, resultando tremendamente cómodo.

Cámara

A cámara é outra das apostas fortes deste dispositivo. A principal ten un sensor de 16 megapíxeles, cunha apertura f/2.0 e flash de dobre ton. Permite a toma de fotografías en modo manual, automático ou en modo panorámica, así como a gravación de vídeo en 4K ou a realización de slow motions. Por oturo lado, o sensor frontal é de 8 megapíxeles e ten unha apertura de f/2.3, que neste caso permite gravar vídeo en calidade 2K.

En ambos casos atopámonos cun funcionamento rápido, tanto na velocidade de apertura como de enfoque, e uns resultados máis que satisfactorios en todo tipo de situacións, algo que sempre é de agredecer. Podedes ver unha galería de imaxes tomadas con este dispositivo na nosa galería de Flickr.

Batería 

A batería ten unha capacidade de 3000 mAh. Isto tradúcese en que podemos saír da casa e esquecernos do cargador durante todo o día, volvendo cun 15-20% para un uso medio, aínda que non perdoa a carga nocturna.

Vén equipado coa tecnoloxía Quick Charge 3.0 de Qualcomm, ou o que é o mesmo: sistema de carga rápida: grazas a el poderemos cargar o 80% da capacidade da batería nuns 40 minutos, estando sempre a punto para saír á rúa e seguir disfrutando do seu uso

Software 

O trebello vén con Android 6.0.1 Marshmallow, mais non inclúe unha capa de personalización, nin da operadora nin do fabricante hardware, polo que temos nese senso unha experiencia próxima ao que sería un modelo Nexus.

vodafone-2

Porén, o que si incluíu Vodafone foron varias aplicacións propias que a operadora ofrece aos seus clientes, entre as que están Call+, Mi Vodafone, Wallet ou Protect. Certamente, todas elas resultan de gran utilidade se queremos sacarlle todo o partido aos servizos que ofrece Vodafone, mais aquelas persoas que non desexen empregalas poden desinstalalas facilmente ou deshabilitalas.

Conclusións

Vodafone quixo rachar co tópico de que os terminais de marca propia eran dispositivos modestos. O Vodafone Smart Platinum 7 é un dispositivo de gama alta, que nos sorprendeu gratamente en todos os puntos analizados: deseño, rendemento, cámara, autonomía…

Ademais de todo o xa comentado, o dispositivo é compatíbel coas redes ultrarrápidas 4G+, que poden acadar os 300 Mbps en descarga onde hai cobertura, o cal é un punto máis ao seu favor.

O Vodafone Smart Platinum 7 pódese mercar na tenda da compañía, coa posibilidade de levar uns lentes VR de agasallo.

Sobre o autor

Reply