Analizamos a Gear Fit 2, a pulseira de actividade de Samsung

Samsung xa é todo un experto na fabricación de todo tipo de wearables, especialmente reloxos e pulseiras de actividade. Durante as últimas semanas estivemos probando a Gear Fit 2, unha pulseira cuantificadora que vai máis aló de contar os pasos ou as horas de sono. Imos vela polo miúdo.

Características técnicas

Antes de meternos en fariña, imos facer un repaso polas súas especificacións técnicas, entre as que cabe destacar a pantalla de 1,5 polgadas e a convivencia de 2 sistemas de xeoposicionamento, algo habitual nos smartphones pero non tanto nos wearables.

  • Pantalla curva Super AMOLED de 1,5 polgadas (216 x 432 píxeles).
  • 500 MB de RAM
  • 4 GB de memoria interna
  • Bluetooth 4.2
  • WiFi 802.11 b/g/n 2,4 GHz
  • GPS e GLONASS
  • Acelerómetro, barómetro, xiroscopio, lector de frecuencia cardíaca
  • Resitencia á auga IP68
  • Batería de 200 mAh

Deseño, acabados e conexións

Unha caracterísitica que debera ter todo trebello deseñado para levar no pulso é a súa lixeireza. A Gear Fit 2 pesa apenas 30 gramos e ten unhas dimensións de 51,2 x 24,5 mm .

samsung-gear-fit-2-4

A pantalla, curva, está rodeada dun pequeno marco negro e este, á súa vez, dun chasis metálico que continúa a correa de goma, semellando non haber diferenza entre un espazo e outro. No lateral dereito sitúanse os dous únicos botóns, e na parte traseira o lector de frecuencia cardíaca.

As correas son facilmente cambiábeis, aínda que a diferenza de outros dispositivos deste tipo, hai que coller unha correa propia de Samsung, non serve calquera de reloxo.

Sistema operativo

Como xa vén sendo habitual en todo cando wearable lanza Samsung, o sistema operativo escollido é Tizen, que ten entre as súas vantaxes o baixo consumo enerxético e a sinxeleza de uso, prescindindo de moitas opcións que non aportan gran cousa ás usuarias.

Tomando esta sinxeleza como base, usando a Gear Fit 2 podemos monitorizar a nosa actividade física sen ter que cargar co smartphone ou reproducir música nuns altofalantes sincronizados por Bluetooth. Mais quizáis o máis interesante é a autodetección da actividade, de maneira que se saímos a camiñar xa nos vai indicando esa actividade sen ter que activar nada especificamente. O mesmo pasa co tracking do sono ou a lectura automática da frecuencia cardíaca.

samsung-gear-fit-2-5

En canto ao grao de personalización, este é bastante grande, e podemos escoller entre diversas “esferas”, tanto por cores ou deseños como pola información que amosan de primeiras na pantalla. Esta personalización complétase coa orde dos widgets que queremos ter a man, que podemos ordear e eliminar ao gusto.

Manexar este gadget é moi sinxelo: temos que ter en conta que dispón de dous botóns físicos: o superior é o de “atrás” e o inferior o de acceso ao menú. Desprazándonos cara a dereita na pantalla podemos ir vendo os diferentes widgets, mentres que o facemos cara a esquerda accederemos ás notificacións anteriores. Cara abaixo desprégase información básica, como o nivel de batería, estado de conexión co teléfono, brillo, etc.

Gear Fit 2: para que serve?

Como xa comentamos máis arriba, o principal uso deste dispositivo é a cuantificación, tanto da actividade física, como do sono ou a frecuencia cardíaca. Todo isto pode facerse dun xeito automático, é dicir, o aparello detecta se quedamos durmidas ou se nos poñemos ao correr, e faino con bastante precisión. Con todo, tamén dá a posibilidade de que sexamos nós quen activemos un modo deportivo, se queremos unha exactitude aínda maior.

samsung-gear-fit-2-2

Da mesma maneira que detecta actividade tamén detecta os momentos nos que non nos movemos, e isto fai que nos avise de que levamos tempo parados e que pode ser un bo momento para levantar o cú da cadeira e poñerse en movemento.

Todo o histórico de actividade podemos consultalo tanto no propio reloxo como a través da aplicación de control e saúde de Samsung, S Health, aínda que pode ser unha ferramenta prescindíbel se nos abonda velo no reloxo. Na app, iso si, teremos información moito máis en detalle, con niveis de intensidade, pulsacións, ritmo e o mapa do percorrido, caso do deporte, ou horas de sono profundo ou liviá, para o sono.

Por outra banda, o dispositivo tamén serve para as notificacións. A aplicación de xestión do Gear Fit 2 déixanos escoller que aplicacións poden enviar as notificacións ao reloxo, algo que nos pareceu moi cómodo. Desta maneira, se por exemplo temos uns grupos de WhatsApp moi activos, podemos deixar silenciado iso para que non nos esté a vibrar continuamente a pulseira.

Batería

A batería é de 200 mAh, unha capacidade que numericamente non parece moi ampla. Porén, conseguimos unha media de 3 días de uso completos, algo no que tamén inflúe o número de notificacións que teñamos activadas.

Neste senso, a nosa experiencia non puido ser máis ca positiva, xa que isto nos permite saír da casa e mesmo poder botar un par de días fóra desta sen ter que estar preocupadas de levar o cargador específico do reloxo.

samsung-gear-fit-2-3

Este cargador, unha base magnética propia, é ademais bastante rápido, o que evitará que teñamos que prescindir do reloxo, por exemplo, durante unha noite e peder así a monitorización do sono. Ao contrario: en apenas uns minutos teremos o dispositivo preparado para outros 3 días de uso.

Conclusións

O Samsung Gear Fit 2 é un mellores wearables que levamos probado até o de agora. Combina todo o que se lle pode pedir a un dispositivo destas características: deseño, utilidade, precisión, autonomía… Ademais, ao ser resistente á auga baixo o estándar IP68 poderemos saír con el facer exercicio mentres chove sen termos medo a fastidiar o reloxo.

A diferenza de outros modelos anteriores, o Fit 2 é compatíbel con dispositivos Galaxy que conten con Android 4.3 ou superior e un mínimo de 1,5 GB de memoria RAM, e tamén con dispositivos non Galaxy con Android 4.4 e 1,5 GB de RAM mínimo.

Pódese adquirir en varias cores en calquera tenda de electrónica ou tamén a través da Internet en tendas como Amazon, onde está dispoñíbel por algo menos de 200 euros.

Deixa un Comentario