A Fundación Vodafone lanza a convocatoria “Connecting for Good Galicia”

A Fundación Vodafone España, en colaboración co AMTEGA, vén de pór en marcha o programa “Connecting for Good Galicia”, que ten como principal obxectivo promover o desenvolvemento de solucións innovadoras con tecnoloxías accesíbeis tanto para persoas maiores como para as que teñen algún tipo de discapacidade.

Este programa está orientado a emprendedoras e/ou PEMES de recente creación cuxos proxectos de negocio contribúan á innovación social, resolvendo algún reto social no ámbito da educación, a saúde, a participación cidadá ou calquera outro recollido dentro da Axenda Dixital Galiza 2020, valorando ademais o efoque inclusivo caras os colectivos de persoas citados anteriormente.

O obxectivo do mesmo é conseguir que estas iniciativas empresariais cheguen a ser negocios reais, con produtos ou servizos que saian adiante con garantía de éxito.

Seleccionaranse até un máximo de seis iniciativas de emprendemento, que contarán cun patrocinio de 2000 euros por parte da Xunta e outras axudas outorgadas pola Fundación Vodafone para a contratación de persoas con discapacidade para o desenvolvemento das súas respectivas ideas de negocio. Ademais, tamén se poderá optar á concesión dunha axuda de 25.000 euros da Xunta ao mellor proxecto para a súa execución e posta en marcha, e a Fundación Vodafone dará o premio “Conectados pola Accesibilidade”, dotado de 10.000 euros, ao proxecto que mellor incopore os principios de accesibilidade universal.

Todas as iniciativas seleccionadas terán un espazo de traballo situado na sede Vodafone Connecting for Good, ubicada no Centro de Enprendemento da Cidade da Cultura, e recibirán sesións de formación e mentoring en aceleración de start ups baseadas na innovación.

Aquelas emprendedoras que queiran presentar as súas propostas a este programa poden facelo até o 30 de setembro. O fallo do xurado notificarase antes do 7 de novembro e a fase de formación terá unha duración de seis meses, desde o 14 de novembro ao 14 de maio.

Toda a información pode consultarse nesta ligazón.

Sobre o autor

Reply