R usará tamén a rede de Movistar grazas ao acordo de Euskaltel con Telxius

Onte coñecemos que Euskaltel acadou un acordo con Telxius para utilizar as 11.000 torres de telecomunicacións que esta compañía ten despregadas por todo o Estado español, aínda que o obxectivo inicial é ampliar a súa rede de emprazamentos de telecomunicacións en Euskadi e Galiza. Nun primeiro momento o compromiso garante o uso dun mínimo de 100 torres de Telxius.

O acordo suscrito entre Euskaltel, dona de R, e Telxius permitirá incrementar os emprazamentos para o despregamento da rede propia 4G, xa que poderá usar estas instalacións para telefonía móbil e outras solucións de acceso sen fíos en contornas rurais.

A tradución deste acordo é que Euskaltel e R poderían ter acceso tanto á rede de Orange, con quen teñen alugada a rede móbil, como a que usa Movistar, que non é outra que a de Telxius. E é que esta compañía, para moitas descoñecida, é unha empresa creada por Telefónica para externalizar o mantemento das súas antenas e poder chegar a acordos de roaming local sen que estes sexan coa operadora matriz.

Ademais das 11.000 estacións de telefonía móbil que Telxius ten en territorio español, dispón de outras 5.000 en diferentes países e tamén cables submarinos. Precisamente hai apenas unha semana anunciou o despregamento de tres destes cables, nos que fará un investimento de 352 millóns de euros de aquí ao ano 2018.

No Responses

Deixa un Comentario