Analizamos o Huawei P9

huawei-p9-1

Huawei é dos fabricantes que, aos poucos e sen facer moito ruído, foi vendo como as súas cifras de venda medraban até converterse nun dos principais fabricantes a nível mundial, poñendo en risco o liderado dalgunha que outra compañía. Co Huawei P9 que hoxe analizamos van un paso máis aló, sobre todo no aspecto fotográfico, principal característica diferenciadora neste modelo.

Deseño, acabado e conexións

O Huawei P9 é un trebello de deseño clásico, de formas rectas e con todo o marco de arredor curvado para eliminar calquera arista. Os botóns concéntranse no lateral dereito do dispositivo, arriba os controis de volume e por baixo o botón on/off, mentres que no lateral esquerdo temos a bandexa extraíbel para a tarxeta nanoSIM e a microSD.

Na zona inferior sitúanse o conector de audio jack 3.5, o USB tipo C e o altofalante, e na parte traeira o lector de pegadas dixitais, nunha posición central, e as cámaras co seu flash na parte de arriba.

huawei-p9-1

En canto a materiais, Huawei ten unha clara aposta polo aluminio, que usa tanto nos marcos laterais como na parte posterior, agás na zona superior da traseira, onde protexeron as cámaras cun cristal Gorilla Glass 3. A parte de diante está totalmente recuberta de cristal, eliminándose os límites entre o que é pantalla e os seus arredores.

Hardware e rendemento

O Huawei P9 está equipado cun procesador fabricado pola propia Huawei, o Kirin HiSilicon 955 de oito núcleos, catro Cortex A53 a 1,8 GHz e catro Cortex A72 a 2,5 GHz. Xunto a el 3 / 4 GB de RAM e 32 / 64 GB de memoria interna, dependendo da configuración, que podemos ampliar mediante microSD de até 128 GB.

Ten conectividade LTE Cat 6, NFC, Bluetooth 4.1 e WiFi 802.11ac, ademais de USB Tipo C, como todos os terminais que se están a presentar ultimamente. Tamén dispón de lector de pegadas dixitais, que funciona realmente rápido.

Pantalla

A pantalla sitúase nas 5,2 polgadas, un dos tamaños máis extendidos hoxe en día nos smartphones. Conta cunha resolución de 1920 x 1080 píxeles (423 ppp), e unha relación pantalla / terminal moi conseguida, polo que semella que estamos a ter na man un dispositivo máis compacto do que en realidade é.

Non destaca especialmente en ningún aspecto fronte a competencia: ten un contraste moi bo e un brillo que supera a media, conseguindo visualizar o móbil en exteriores sen que as cores semellen artificiosas.

Está protexida pola tecnoloxía Gorilla Glass 3, unha protección que como xa comentamos antes vai máis aló da pantalla, recubrindo toda a parte frontal do teléfono.

Cámara

A cámara é un dos aspectos dos que máis pode presumir este Huawei P9. Integra un dobre sensor de 12 megapíxeles, un RGB e un monocromo, con apertura f/2.2 e firmado por Leica. O funcionamento baséase na fusión do que recolle o sensor de cor e o monocromo para ter iamxes cun nível maior de detalle, menor ruído e resultados de maior calidade cando traballamos con pouca luz.

Á vista dos resultados, Huawei cumpre con nota co que promete, conseguindo non só mellores imaxes durante a noite, senón tamén fotografias con bo nível de detalle e cores moi realistas.

huawei-p9-2

Bótase en falta, iso si, a presenza do estabilizador óptico, un elemento que cada vez é máis habitual nos smartphones para garantir que as imaxes non saen movidas, aínda que a súa ausencia é un mal menor.

Por outro lado, na cámara frontal temos un sensor de 8 megapíxeles, con gran angular e apertura f/2.4. Os seus resultados son máis que correctos, e ademais ten un diversos modos de fotografía para poder mellorar as nosas tomas.

Podedes ver unha detallada galería de imaxes tomadas con este dispositivo no noso perfil de Flickr.

Batería

A batería é de 3000 mAh de capacidade, e vén equipado con sistema de carga rápida. Tras varias semanas de uso comprobamos que isto se traduce nunha autonomía real dun día para un uso medianamente intensivo.

Software

En canto a software, o Huawei P9 vén con Android 6.0 Marshmallow de fábrica, aínda que “camuflado” baixo a capa de personalización de Huawei, EMUI, bastante intrusiva a nível estético. O máis positivo é que dispón de “temas”, que podemos instalar para mudar non só o fondo de pantalla / bloqueo, senón tamén o estilo dos botóns.

O terminal tamén trae preinstaladas diversas aplicacións, as básicas e outras que poden ser máis ou menos útiles para resolver algunhas cuestións, aínda que podemos desinstalalas sen ningún problema.

Conclusións

O Huawei P9 é un dos mellores terminais de Huawei, destacando especialmente polo seu deseño máis coidado e o apartado fotográfico. Fica, iso si, un paso por detrás dos buque insignia de outros fabricantes, polo que quen queira ir a un dispositivo mellor deberá elixir a opción P9 Plus, que sube ás 5,5 polgadas, mellora a memoria e integra 3D Touch.

O Huawei P9 pódese mercar en varias cores (prata, rosa dourado, gris titánium e ouro), estando dispoñíbel no mercado libre por uns 480 euros, mais tamén no catálogo de varias operadoras.

No Responses

Deixa un Comentario