Elephone chega ao Estado español, con novo smartphone e reparacións no concello de Mos

elephone-c1-1

Entre todas as marcas chinesas que ultimamente están dando moito que falar atopámonos a Elephone. Este fabricante, que se fixo coñecido por dispositivos como o seu P9000 Edge (cunha curvatura semellante á do S6 Edge) ou o P5000 (con batería de 5000 mAh de capacidade), vén de lanzar agora o novo Elephone C1, un dispositivo de baixo custo con pantalla de 5,5 polgadas.

Por algo máis de 100 €, no Elephone C1 atopamos un dispositivo fabricado en aluminio con estreitos marcos e unhas especificacións de gama media – baixa. Malia o seu prezo inclúe sensor de pegadas dixitais na parte traseira do dispositivo e unha cámara con flash LED de dobre ton.

A pantalla é un panel HD de 5,5 polgadas, e no seu interior temos un procesador MediaTek MT6737, de catro núcleos a 1,3 GHz, 2 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria interna, ampliábeis mediante tarxetas microSD de até 64 GB de capacidade.

No apartado fotográfico, a cámara principal é un sensor OmniVision de 13 megapíxeles, capaz de gravar vídeos en resolución 1080p, e a frontal duns escasos 2 megapíxeles, con apertura f/2.8. A batería é de 2850 mAh e vén con Android 6.0.1 Marshmallow, coa súa capa de personalización ELE UI.

Poderase mercar en dourado champán ou azul escuro.

Tenda online para o mercado español e centro de reparacións en Mos

Logo dun tempo no que unicamente vendían desde a China, Elephone vén de abrir tenda web para o mercado español, e tamén ten previsto ter presenza en tendas físicas. Isto tamén implica que a garantía será a do noso país, e para máis seguridade o centro de reparacións sitúase no concello pontevedrés de Mos.

elephone-s7

Entre os modelos que proximamente poderán mercarse nesa tenda espérase que esté o Elephone S7, un dispositivo con pantalla curva FullHD de 5,5 polgadas, procesador MediaTek de 10 núcleos, 3 GB de memoria RAM, 32 GB de almacenaxe interna, cámaras de 16 e 8 megapíxeles e un prezo que rondaría os 100 €.

Pódese visitar nesta ligazón.

Sobre o autor

No Responses

Reply